Esta iniciativa preventiva terá lugar desde mañá mércores 3 de febreiro ata o vindeiro venres 5 de febreiro en horario de tarde -a partires das 15:30 horas- e o sábado 6 de febreiro en horario de mañá -a partires das 9:30 horas-
O Servizo Galego de Saúde continúa a detección da COVID 19 na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés dende mañá e ata o vindeiro sábado no Concello de Pontecaldelas, con novos cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos, cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios por coronavirus nesta localidade.
Este cribado voluntario terá lugar no centro de saúde de Pontecaldelas desde mañá mércores 3 de febreiro ata o vindeiro venres 5 de febreiro en horario de tarde -a partires das 15:30 horas-; e en horario de mañá -a partires da 9:30 horas- o vindeiro sábado 6 de febreiro. Á dita iniciativa preventiva a Administración Sanitaria Pública galega vai convocar, vía SMS telefónico, á poboación de Pontecaldelas dentre 40 e 79 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada a arredor das 3.000 persoas.
Tres equipos de enfermaría en cada turno
Para levar a cabo este cribado, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará no centro de saúde pontecaldelán con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios.
Este tipo de probas que se efectuarán desde mañá mércores ata o vindeiro sábado pola mañá en Pontecaldelas permiten aumentar a cifra de casos detectados, á vez que amplían o abano diagnóstico, diferenciando entre infeccións agudas, avanzadas ou curadas.
Os resultados negativos destes cribados serán comunicados por SMS, mentres que os positivos notificaránse contactando directamente vía telefónica con cada persoa.