HomeO MorrazoBueuO Serradoiro dos Carranos abre as súas portas cunha nova xornada de...

O Serradoiro dos Carranos abre as súas portas cunha nova xornada de visitas guiadas gratuítas.

- Anuncio -spot_img

O Concello de Covelo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, organiza unha nova xornada de portas abertas no Serradoiro dos Carranos e na súa Aula da Natureza e do Patrimonio Etnográfico, situada en Maceira.

O vindeiro domingo 5 de outubro, veciños e visitantes terán a oportunidade de coñecer este singular espazo da memoria etnográfica galega a través de visitas guiadas totalmente gratuítas, que se celebrarán en catro quendas horarias: 10.00, 12.00, 14.00 e 16.00 horas.

O Serradoiro dos Carranos: un exemplo único de enxeñería tradicional

Construído arredor de 1922, coincidindo coa posta en marcha da central hidráulica de Chicoreiros, o Serradoiro dos Carranos é un exemplo excepcional do aproveitamento da forza da auga como motor industrial. O conxunto conserva a súa estrutura orixinal en pedra e rocha escavada, posteriormente reforzada con ladrillo, e intégrano varias edificacións: o aserradoiro principal, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa, un almacén auxiliar e mesmo un forno para a queima de residuos.

A súa actividade centrábase na fabricación de carros tradicionais, o que explica a presenza da forxa para a elaboración das pezas metálicas. Localizado á beira do antigo camiño empedrado que unía con Ourense —hoxe parte dun sendeiro de gran valor paisaxístico—, o serradoiro mantén elementos orixinais como as rodas de transmisión, correas e a súa impresionante noria de máis de seis metros de diámetro, que segue en funcionamento.

Aula da natureza e do patrimonio etnográfico.

Ademais do serradoiro, as visitas inclúen a Aula da Natureza e do Patrimonio Etnográfico, un espazo de interpretación que achega ao visitante á historia, ao funcionamento e ao valor cultural deste conxunto, así como ao entorno natural do regato de Vixiáns, que alimenta a noria mediante unha presa e un sistema tradicional de comportas.

Información práctica.

As visitas guiadas contan con prazas limitadas, polo que é necesaria unha inscrición previa co guía encargado das visitas chamando ao 654.500.652 (Julio). A actividade é de balde e aberta a todos os públicos.

Con esta iniciativa, o Concello de Covelo reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio etnográfico e natural, convidando á cidadanía e aos visitantes a redescubrir un dos enclaves máis singulares do municipio.

Publicacións Relacionadas