HomeA CoruñaO Servizo de Atención Diúrna de COGAMI promove a autonomía das persoas...

O Servizo de Atención Diúrna de COGAMI promove a autonomía das persoas con discapacidade

- Anuncio -spot_img

O Servizo de Atención Diúrna (SAD) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ofrece apoio a persoas con discapacidade física e psíquica co obxectivo de fomentar a súa autonomía e potenciar o seu benestar. A través de programas específicos de saúde, formación, asesoramento, lecer, rehabilitación e estimulación cognitiva, as persoas usuarias adquiren habilidades que lles permiten desenvolver as súas capacidades e aumentar a súa independencia.

Para optar ao SAD, é necesario contar co certificado de discapacidade e/ou coa valoración de dependencia emitida pola Xunta de Galicia, ademais de ter entre 18 e 60 anos. Na actualidade,132 persoas acoden de luns a venres aos 5 centros de COGAMI situados en:

Monteporreiro (Pontevedra): 18 persoas usuarias no centro de día.

Medelo (Silleda): 27 persoas usuarias no centro de día e ocupacional.

Fingoi (Lugo): 33 persoas usuarias no centro de día.

Mos: 41 persoas usuarias no centro de día, ocupacional e vivenda asistida.

Ferrol: 13 persoas usuarias no centro de día.

O programa de atención diúrna baséase nas necesidades e intereses individuais, apostando por unha mellora integral da calidade de vida. Para iso, un equipo de 84 profesionais (coidadoras, terapeutas ocupacionais, condutoras, formadoras, monitoras, psicólogas, técnicas de educación especial, educadoras sociais, persoal de limpeza, pedagogas, fisioterapeutas, logopedas, profesoras, traballadoras sociais, coordinadoras e oficiais administrativo) prestan apoio para fomentar a súa autonomía e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Os centros ofrecen servizos a persoas con discapacidade e ás súas familias en zonas rurais, onde os recursos son máis limitados ca nas áreas urbanas, e, á vez, xeran emprego nestes territorios, contribuíndo a súa dinamización.

Servizos que ofrecen

Os centros ofrecen atención personalizada e familiar, con información, asesoramento, intervención social e apoio ás familias e ás mulleres coidadoras. Ademais, dispoñen de programas de rehabilitación, que inclúen fisioterapia, ximnasia preventiva e rehabilitadora, logopedia, terapia ocupacional, apoio psicolóxico e terapias alternativas.

No ámbito da educación básica, as persoas usuarias poden mellorar as súas habilidades en lectura, escritura, cálculo e preparación para a obtención do graduado en ESO, ademais de adquirir competencias sociais e para a vida diaria. Tamén se desenvolven obradoiros artesanais e formativos, nos que se traballan disciplinas como cestaría, encadernación, coiro, pintura, informática, novas tecnoloxías, música e teatro.

O lecer tamén xoga un papel importante, con actividades de deporte adaptado, excursións, visitas a exposicións e cursos de navegación a vela. Para garantir a asistencia, os centros dispoñen dun servizo de transporte adaptado e dun servizo de comedor, excepto no centro de Ferrol.

Con este enfoque integral, COGAMI busca mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, ofrecéndolles recursos para a súa inclusión e desenvolvemento persoal.

Campaña Eu decido.

Como conmemoración do 35 aniversario, COGAMI pon voz ás persoas como Isidoro Manuel Torrens, quen entrou a formar parte da bolsa de Emprego de COGAMI hai anos, formouse, colaborou como voluntario e, despois de coñecer os servizos que se prestan no centro de atención diúrna de Fingoi, en Lugo, decidiu que este era o seu lugar.

Neste vídeo https://youtu.be/kvANko6k2Nk podes escoitar a experiencia de Isidoro dende que entrou no centro de atención diúrna que el resume como “un cambio en todos os sentidos, tanto psicolóxico como físico”.

Publicacións Relacionadas