- O novo servizo atende a nenos e nenas de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos. Está dirixido a menores de 0 a 6 anos que presentan trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. O equipo de especialistas está formado por unha logopeda, unha psicóloga e unha fisioterapeuta pediátrica.
- Os menores accederán a este recurso público e gratuíto mediante derivación do seu pediatra de referencia. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicou que se trata dun servizo público e gratuíto “imprescindible” para moitas crianzas e as súas familias, que agora poderán acceder “de xeito precoz e no seu entorno máis próximo”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto aos alcaldes de Soutomaior, Manuel Lourenzo, e Pazos de Borbén, Xosé Luciano Otero, visitaron este mediodía o novo Servizo de Atención Temperá (SAT), situado na rúa Isidoro Queimaliños, 2, en pleno centro histórico da vila.
Este recurso nace como froito da colaboración entre os concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes para ofrecer unha atención especializada a nenas e nenos de entre 0 e 6 anos. O servizo está dirixido a menores que presenten trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos. Segundo os datos do IGE, a área de influencia dos catro municipios suma 1.647 menores nesa franxa de idade, estimándose que arredor do 10 % poderá precisar este apoio nalgún momento.
Un modelo integral centrado na contorna familiar
O servizo, integrado na Rede Galega de Atención Temperá e cofinanciado pola Unión Europea (Programa FSE+ Galicia 2021-2027), está xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). A diferenza dos modelos tradicionais, este SAT aposta por unha intervención centrada na familia. O obxectivo é que os profesionais acompañen aos pais e nais nas rutinas diarias (comidas, xogo, hixiene) para converter cada momento nunha oportunidade de aprendizaxe e autonomía, sen engadir cargas extras ás familias.
O equipo multidisciplinar está formado por Andrea Álvarez (psicóloga), Paula Piñeiro (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta pediátrica). Este grupo de expertas traballará de xeito coordinado cos recursos de sanidade, servizos sociais e educación da comarca.
Compromiso coa infancia e acceso gratuíto
A alcaldesa Digna Rivas destacou que este servizo é “imprescindible” e responde ao obxectivo prioritario da Concellería de Infancia, un departamento impulsado ao inicio do mandato pola exconcelleira e pediatra Pilar Martínez. “Pili traballou arreo para poñer este recurso a disposición das familias de xeito precoz e na súa contorna máis próxima” e agora por fin é unha realidade, sinala Rivas. Deste xeito “optimizamos os resultados e garantimos unha inclusión plena dos menores”, conclúe a alcaldesa.
Pola súa banda, os alcaldes da agrupación valoraron moi positivamente o SAT, subliñando que o servizo é “público e gratuíto”. Para acceder a el, os nenos e nenas deberán ser derivados polo seu pediatra de referencia tras detectar ou sospeitar de calquera desafío no desenvolvemento.
Na visita institucional tamén estiveron as concelleiras Iria Vilaboa, responsable de Servizos Sociais e Infancia de Redondela, e Victoria Couñago, edil de Servizos Sociais en Soutomaior, así como o coordinador do SAT, Álvaro García e Celso Álvarez da Directiva de COGAMI, entidade que achega a súa ampla experiencia na xestión de servizos especializados e a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.



