HomePontevedraCaldasO servizo de retirada de voluminosos retira unha media de 400 metros...

O servizo de retirada de voluminosos retira unha media de 400 metros cúbicos de restos ao mes

- Anuncio -spot_img

Os operarios municipais atenden unha media de entre 15  e 20 solicitudes semanais, levándose diferentes  electrodomésticos, mobles, portas e outros enseres que  non deben depositarse nos colectores habituais 

O alcalde, Jacobo Pérez, salienta que a utilización desta  prestación para particulares é unha evidencia da  concienciación que existe entre a veciñanza de Caldas de  Reis á hora de preservar e respectar o medio ambiente 

O servizo de retirada e recollida de  restos voluminosos do Concello de Caldas de Reis traballa a pleno rendemento.  O alcalde, Jacobo Pérez, mantivo esta semana unha reunión co edil de Medio  Ambiente, Juan Carlos Ortigueira e con operarios municipais para analizar o  funcionamento dunha prestación pensada para particulares, a través da cal  poden desfacerse de electrodomésticos, mobles e outros enseres de xeito  eficiente. Segundo explica Pérez Gulín, a Administración municipal recibe unha  media de entre 15 e 20 avisos semanais por parte da veciñanza para dispoñer  deste servizo, que debe solicitarse realizando unha chamada previa ao número  de teléfono 647574316. A retirada lévase a cabo todos os mércores.

A recollida a domicilio de voluminosos é unha ferramenta moi importante á hora  de garantir un tratamento axeitado deste tipo de restos. O Concello de Caldas  de Reis estima que se retiran aproximadamente uns 400 metros cúbicos de lixo  mensuais a través deste servizo. O alcalde recorda que se trata dunha recollida  que “leva xa varios anos operativa e que está a funcionar moi ben.  Comprobamos que existe unha concienciación moi importante entre a veciñanza  no que ao coidado do medio ambiente se refire, xa que este servizo o que impide  é que proliferen os vertidos ilegais”, sinala Jacobo Pérez. Neste sentido, desde  a Administración local lémbrase que o feito de abandonar restos de voluminosos  na vía pública pode acarrear importantes sancións económicas, polo que o  Goberno local anima ás persoas particulares a que se poñan en contacto coa  Concellería de Medio Ambiente para resolver calquera dúbida. 

Fornos, placas, electrodomésticos, lavadoras, frigoríficos ou microondas son  algúns dos aparatos electrónicos que son máis habituais á hora de efectuar as  retiradas. Ademais, tamén se recollen residuos máis voluminosos, como son  mobles, somieres, portas, colchóns ou marcos, ademais doutros residuos que  non deben depositarse no resto de colectores.  

Campaña informativa 

Por outra banda, Caldas de Reis continúa coa campaña informativa posta en  marcha xa hai varias semanas sobre a importancia de preservar o medio  ambiente. Ademais das charlas realizadas nos centros educativos e tamén para  persoas maiores, centradas en cuestións como a reciclaxe, a finais deste mes  de maio tamén se habilitará un punto de información sobre a utilización dos  composteiros, tanto individuais como comunitarios. A iniciativa levarase a cabo  o día 26, coincidindo coa celebración do mercado ambulante que ten lugar cada  luns no casco histórico.

Publicacións Relacionadas