HomePontevedraPoioO teatro e as proxeccións audiovisuais serán as grandes protagonistas da Axenda...

O teatro e as proxeccións audiovisuais serán as grandes protagonistas da Axenda Cultural de Outono

- Anuncio -spot_img

• A edil de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), salienta que todas as actividades serán de carácter gratuíto e se desenvolverán no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e na Biblioteca de Campelo

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e a responsable de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, a tamén nacionalista Marga Caldas, veñen de anunciar as actividades, todas elas gratuítas, que forman parte da Axenda Cultural de Outono, que ofrecerá iniciativas pensadas para persoas de todas as idades desde este mes de outubro e ata ben entrado decembro. As proxeccións audiovisuais e o teatro serán dúas das grandes protagonistas desta variada oferta, na que tampouco faltarán citas nas que a música, a literatura e a ciencia tamén se converterán en atractivos para a veciñanza.

Boa parte do groso desta axenda desenvolverase nas dependencias do Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, seguindo así a filosofía marcada na edición da programación de outono correspondente a 2021. Nesta ocasión, as citas abriranse o vindeiro domingo 16 de outubro, a partir das 19.00 horas, cunha representación a cargo do grupo de teatro da Casa Rosada, Lúa Chea, todo un referente da bisbarra, logo de levar preto de dúas décadas operativo, con integrantes de todas as idades. Unha semana
despois, o día 23 á mesma hora, chegará o Teatro Os Quinquilláns con ‘A señora de Forcadela’. Xa en novembro, o venres 4 ás 21.00 horas, será a quenda dunha das compañías máis prestixiosas de Galicia, Ibuprofeno Teatro, que traerá a Raxó ‘O mel non caduca’, unha obra que vén de acadar diferentes premios e galardóns. Estas dúas sesións organízanse a través dos programas O pasado por vir e Tornar ás Táboas, da Deputación de Pontevedra.

Estas catro sesión teatrais combinaranse coas proxeccións correspondentes ao Ciclo Mestre Mateo, impulsado tamén pola máxima institución provincial e ao que está adherido o Concello de Poio. Así, o sábado 22 de outubro, ás 21.00 horas, proxectarase o filme
‘Malencolía’, dirixido por Alfonso Zarauza. Os filmes restantes quedan fixados para o venres 18 de novembro e o sábado 3 de decembro, tamén ás 21.00 horas. Con esas dúas emisións pecharase este ciclo, a través do cal se ofrece á cidadanía a posibilidade de gozar de xeito gratuíto cos documentais e películas que resultaron finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo, sendo “referentes e exemplos do gran nivel no que se atopa o audiovisual galego na actualidade”, apunta Raquel Rodríguez.

A Biblioteca Municipal de Campelo será outro dos puntos de interese nesta axenda cultural, ao acoller o vindeiro 24 de outubro a contada ‘Sopicontos’, unha iniciativa pensada para os máis cativos e cativas da familia. Ademais, ao longo do mes de novembro conmemórase o Mes da Ciencia, declarado pola UNESCO no ano 2001.

“Habilitaremos un punto de interese na sala para contribuír á divulgación científica, de xeito que sexamos quen de achegar a ciencia á cidadanía en xeral, dando a coñecer cabeceiras e libros que versan sobre robótica ou astronomía”, explica a titular de Cultura, que tamén sinala que se levará a cabo unha recompilación de materiais de ciencia en galego. Ademais, darase debida información sobre o Mes da Ciencia nas redes sociais do Concello.

A maiores destas actividades, a edil nacionalista lembra, asemade, que o 30 de outubro o Casal de Ferreirós acollerá a tradicional Xornada sobre Instrumentos Tradicionais O Son da Gaita, impulsada a través da Asociación Cultural Pai da Cana.

Publicacións Relacionadas