HomeVigoBaionaO Torneo de Minibasket CB Baiona reunirá a máis de 450 participantes...

O Torneo de Minibasket CB Baiona reunirá a máis de 450 participantes na súa XVI Edición

- Anuncio -spot_img

A nosa vila prepárase para vivir unha fin de semana chea de baloncesto coa celebración da XVI edición do Torneo Minibasket CB Baiona, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de abril no Pavillón Municipal de Baiona. Este evento, consolidado como unha cita imprescindible para o minibasket, reunirá a máis de 450 mozos deportistas e adestradores pertencentes a 32 equipos alevíns (16 masculinos e 16 femininos) chegados desde Cataluña, Valladolid, Ponferrada e toda Galicia.

O torneo foi presentado onte, 1 de abril, nun acto celebrado no Salón de Plenos do Concello de Baiona, coa presenza de Jesús Vázquez Almuiña, Alcalde de Baiona, Ana Iglesias, Concelleira de Deportes, Joaquín López, Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, Seve Castiñeiras, Presidente do CB Baiona, Jose Cernadas, membro da directiva do CB Baiona, Susana García, Vicepresidenta da Federación Galega de Árbitros e Víctor González, técnico arbitral da Federación Galega de Baloncesto.

Durante a presentación, o alcalde Jesús Vázquez Almuiña destacou a importancia deste torneo para a localidade, e que, máis aló da competición, este evento fomenta valores como a convivencia e o compañeirismo entre os mozos xogadores, resaltando o esforzo do CB Baiona na súa organización e a repercusión deportiva e turística que supón para o municipio.

A competición arrincará o venres 11 de abril cos tradicionais concursos de tiro, dando paso o sábado a unha intensa xornada coa fase de grupos. O domingo disputaranse os playoffs, pechando o torneo coas finais masculina e feminina e a posterior cerimonia de clausura e entrega de premios. En total, xogaranse 74 partidos, convertendo a Baiona no epicentro do minibasket durante toda a fin de semana.

Desde o CB Baiona, o seu presidente Severino Castiñeiras expresou a súa satisfacción pola consolidación do torneo agradecendo ao Concello de Baiona, administracións públicas e patrocinadores pola súa importante colaboración para a celebración deste evento.

Baiona convértese, unha vez máis, no punto de encontro do minibasket, acollendo a xogadores, adestradores e familias nun torneo que promete ser un éxito tanto dentro como fóra da cancha.

Programa do torneo – Pavillón Municipal de Baiona 📅 Venres 11 de abril 🏀 18:00 h – Concursos de tiro 📅 Sábado 12 de abril 🏀 09:00 – 22:00 h – Fase de grupos 📅 Domingo 13 de abril 🏀 09:00 – 14:00 h – Playoffs 🏆 17:00 h – Final masculina

🏆 18:00 h – Final feminina

Publicacións Relacionadas