HomePontevedraO V Mercadillo de Nadal regresa, este ano a Figueirido, con máis...

O V Mercadillo de Nadal regresa, este ano a Figueirido, con máis talento e sabor que nunca

- Anuncio -spot_img

Chocolate quente, agasallos feitos á man e actividades culturais para todas as idades nun espazo que convida a mercar, compartir e celebrar 

A carpa instalada en Figueirido, na que a Asociación de Veciños mantén aberto un posto con chocolate quente, intensificará a partir do día 19 o seu ambiente festivo coa apertura dos postos do  V Mercadiño de Nadal, unha iniciativa que cumpre unha nova edición co obxectivo de dar visibilidade ao traballo artesanal e ás propostas creativas de emprendedores e emprendedoras do municipio.

Este ano participan 11 propostas, distribuídas nas seis casetas de madeira instaladas polo Concello de Vilaboa, agrupadas segundo a súa oferta de produtos para facilitar a visita e a compra de agasallos de proximidade.

Entre os expositores estarán, un ano máis, Laura Filgueira (ERRE3), con produtos gravados en madeira e artigos de segunda man; e Pilar Blanco, co seu Obradoiro Hedras, especializado en xoiería artesanal elaborada peza a peza.

A oferta gastronómica chegará da man de Alcrique, con produtos galegos gourmet e artesáns, que compartirá caseta con Teresa Míguez —xoias, chaveiros e figuras impresas en 3D— e Uxía Pintos, que achegará obxectos decorativos de xeso e velas artesanais.

A Asociación de Veciños de Figueirido contará cun posto propio no que se servirá chocolate quente.

Por primeira vez participa tamén Celia Amoedo Rodríguez, que compartirá caseta con ERRE3 e presentará obxectos decorativos de Nadal feitos á man. Tamén estarán Alba Expósito, Guadalupe López e Natalia González, con artesanía, obxectos de ganchillo, manualidades e decoración de Nadal elaborada artesanalmente. Outra das casetas estará destinada á recadación para a excursión de fin de curso do alumnado dos colexios de Toural e Riomaior,

O Mercadiño permanecerá aberto do 19 de decembro ao 6 de xaneiro, en horario de tarde ata as 21.00 horas entre semana e con apertura ampliada en función da demanda durante as fins de semana. O recinto contará con iluminación e fío musical para crear un ambiente cálido e festivo.

A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, destaca que esta iniciativa continúa a liña de apoio ao emprendemento local e á artesanía que o Concello vén impulsando ao longo de todo o ano a través de diferentes eventos sectoriais.

A programación de Nadal do Concello de Vilaboa terá tamén en Figueirido un dos seus escenarios principais, con actividades como o Concerto de Panxoliñas, previsto para o día 29 ás 19.00 horas, e o remate da Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro.

A programación cultural de Nadal inclúe tamén dous obradoiros na Casa da Cultura de Figueirido, pensados para fomentar a creatividade e a participación veciñal. Os días 22, 23, 26 e 27 de decembro, a rapazada de 8 a 12 anos poderá participar no Obradoiro de Teatro “Teatreirxs – Edición Castelao”, unha proposta lúdica e formativa organizada polo Concello de Vilaboa en colaboración con Leucoiña Pasea, con prazas limitadas e inscrición de balde a través do correo info@vilaboa.org. Os días 29 e 30 de decembro, será a quenda do Obradoiro de Adornos de Nadal para Familias, unha actividade interxeracional que invita a avós e netos a compartir tempo e creatividade elaborando decoracións festivas, en colaboración  con Papoula. Ambos obradoiros desenvolveranse en horario de tarde e forman parte da aposta municipal por unha programación inclusiva e participativa.

A programación de Nadal do Concello esténdese tamén a outros espazos do municipio, con propostas culturais para todos os públicos. O 27 de decembro, a Casa da Cultura de Riomaior acollerá a representación teatral “A Louca Historia de Galicia”, a cargo de Fulano, Mengano e Citano, ás 20.00 horas. O 3 de xaneiro, será a quenda do espectáculo de maxia “Sim Salabim”, protagonizado por Javier Muro Alonso, que terá lugar na Casa da Cultura de Figueirido ás 20.00 horas. Ademais, o tradicional Concurso de Postais de Nadal e o Concurso de Decoración e Iluminación, que homenaxea a Gonzalo Gondar, completan a oferta participativa destas festas, promovendo a creatividade e o espírito comunitario entre a veciñanza.

Publicacións Relacionadas