- O Parque Joe Novas será o punto de saída do trail e do trailiño ás 9 horas con remate aproximado ás 14.30 horas
- A organización outorgará varios recoñecementos e trofeos para estas probas nas que participarán un total de 514 persoas
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades, organizan o próximo domingo, 8 de marzo, o V Trail do Nocedo, un proxecto que une a divulgación do patrimonio da parroquia bueuesa e o deporte máis activo e que xa se atopa refrendada no calendario de probas de montaña. De feito, este ano estréanse no Campionato Xunta de Galicia Individual de Montaña e a 1ª proba Copa Xunta de Galicia. Así o destacaron Marcos Torres e José Martínez ‘Pepe Cachizo’, da organización do evento, na rolda de prensa celebrada este martes na Casa do Pobo de Beluso, na que tamén participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xisela Aranda, directora do servizo de deportes da Deputación de Pontevedra e Daniel Benavides, xefe do servizo de deportes da Xunta de Galicia.
A actividade terá unha parte deportiva cun trail de 27 quilómetros e 1600 metros de desnivel, e un trailiño que consta de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. As probas tomarán saída ás 9.00 horas dende o Parque Joe Novas de Beluso, onde comezarán a correr as persoas inscritas para a modalidade do trail e, posteriormente, ás 10 horas, as do trailiño, junior e cadete. Precisamente, Torres destaca “o gran auxe da proba que este ano chega ao récord de participación con 514 persoas, pero que conviven coa veciñanza de Beluso pois non queremos saturar a parroquia”. Por categorías, o trail acollerá a 225 persoas (35 mulleres), o trailiño, 275 (98 mulleres), a categoría junior, 5 (1 muller) e a cadete, 9 (3 mulleres).
A organización prevé varios trofeos: no caso do trail, haberá premio para o 1º clasificado/a na absoluta, e para os tres primeiros clasificados nas modalidades de senior (ata 39 anos), veterán/a de 40 a 49 anos, veterán/a de 50 ou máis anos, así como para o 1º do trailiño e equipos. A iso haberá que sumar os recoñecementos, que se outorgarán ao 1º inscrito/a no evento, ao deportista que proveña de máis lonxe, ao participante máis veterán/á, ao equipo con máis participantes, e ao 1º clasificado/a de Bueu.
Pero non será esta a única actividade da mañá do domingo, pois a carreira terá tamén un carácter etnográfico, tal e como vén sendo habitual. Nesta ocasión as persoas deportistas pasarán polos denominados “Recunchos”, unha serie de espazos que se situarán ao longo do percorrido con recreacións de escenas cotiás antigas relacionadas coa parroquia de Beluso. Así, por exemplo, haberá figurantes que recrearán as formas de vida e oficios do pasado, caso da pesca artesanal e con cana, nas zonas de Area de Bon e Reventóns, canteiros en Borrallido, lavandeiras no lavadoiro do Río Nocedo, colleitadores de leña na mesma zona e tamén persoas viticultoras en Bon de Abaixo.
Félix Juncal, alcalde da vila destacou que “este trail foi medrando conforme a vós e faino dende a autenticidade máis pura, pois é destacable tamén o papel do enorme voluntariado”. Daniel Benavides puxo o foco en que “é un evento no que conflúen a faceta deportiva e a cultural e con gran excelencia, poñendo tamén en valor o territorio e a contorna”. E, por último Xisela Aranda, describiu que “este trail céntrase moito na experiencia deportiva e no que nos fai vivir o día da proba, polo que este ano participarei de novo e tomareimo coma un agasallo persoal”.
Como é habitual, o Trail contará con máis dun cento de voluntarios e voluntarias e os trofeos foron elaborados polo centro ocupacional Juan XXIII.



