O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este luns á presentación dos 15 cursos de verán 2025 da UNED Pontevedra, unha iniciativa que conta co apoio da institución provincial dentro da “colaboración estreita e a comunicación directa que temos as dúas institucións para poñer en marcha numerosas accións ao longo do ano”. As accións desenvolveranse a partir do 30 de xuño en Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, O Porriño, Portas e Tui, ademais de en liña, e unha acción terá lugar no centro penitenciario da Lama. Deste xeito, “permitimos que a cidadanía acceda a formación de calidade nunha etapa na que coas vacacións e o maior tempo de lecer moita xente persigue as súas inquedanzas intelectuais e académicas”, asegurou Domínguez.
O vicepresidente sinalou que “a programación está ligada a asuntos de grande actualidade” con temáticas como a historia do feminismo, a educación emocional, a Intelixencia Artificial, a monarquía parlamentaria, o cambio climático ou o espazo europeo de datos de saúde. Rafa Domínguez, que deu os parabéns á UNED polo seu compromiso e animou a cidadanía a asistir aos cursos, tamén asegurou que “seguiremos colaborando para que a UNED teña esa importancia e presenza no noso territorio”.