Agrupacións chegadas de Galicia, España e Portugal amosan este sábado en Riomaior a riqueza e diversidade dos entroidos tradicionais ibéricos
Entroidos tradicionais chegados desde diferentes puntos de Galicia, España e Portugal daranse cita esta fin de semana en Vilaboa no marco do VII Encontro de Entroidos, do que Cobres será un ano máis anfitrión. A cita, que xa se consolidou como unha das propostas culturais máis orixinais do calendario estival, demostra que o entroido tamén ten cabida en pleno verán e que as fronteiras non existen cando se trata de preservar o patrimonio inmaterial.
Un mosaico cultural sen fronteiras
O Encontro de Vilaboa converteuse nunha auténtica festa da diversidade cultural ibérica. Este ano, doce grupos de entroidos tradicionais darán vida a unha xornada única
Desde Galicia participarán seis representacións que mostran a riqueza dos entroidos galegos: as Madamas e Galanes do Entroido de Cobres e as Veteranas do Entroido de Cobres, ambos anfitrións desde Vilaboa; as Madantas de Mós; os Xenerais da Ulla da comarca homónima; os Boteiros e Fulións de Viana do Bolo; e os Follateiros de Lobiós. Tamén estarán presentes as Madamas e Danzantes do Entroido de Salcedo, chegadas desde A Pobra do Brollón.
Desde outras comunidades españolas achegaranse catro representacións que enriquecerán a diversidade do Encontro: El Atenazador de San Vicente de la Cabeza da comarca zamorana de Aliste; Las Burras de Tremor de Arriba y el Toro de Espina de Tremor desde Igüeña, en León; e os Guirrios y Madamitas de Cimanes del Tejar do páramo leonés.
Desde Portugal chegarán os emblemáticos Caretos de Lazarim de Lamego, en Viseu, e os Caretos de Arcas de Macedo de Cavaleiros, en Braganza, dúas das manifestacións máis recoñecidas do entroido luso.
Unha xornada pensada para gozar en familia
O programa arrinca ao mediodía, ás 13:00 horas, co tradicional Vermú de Entroidos no Chiringo de Deilán, un ambiente distendido á beira do mar que permitirá aos asistentes entrar en calor para o que está por vir. Este momento inicial converteuse xa nunha das citas máis esperadas polos habituais do Encontro.
A programación oficial arranca ás 18:15 horas coa apertura do Encontro, que estará presentada por Marci Varela. Media hora despois, ás 18:30 horas, darase o pistoletazo de saída ao momento máis esperado: o desfile e as actuacións dos entroidos, onde se poderá gozar dunha mostra da riqueza do patrimonio inmaterial galego e peninsular.
Música ao vivo e festa nocturna garantida
Pero o Encontro de Entroidos de Vilaboa non se queda aí. A festa continúa ás 21:00 horas coa Fanfarria Furruxa, que amenizará a cea co seu repertorio festivo, creando o ambiente perfecto para a parte final da xornada.
E para os que queren estirar a noite, ás 23:00 horas comeza a Noite de Encontros, que contará coa actuación de Quinkillada e Boyanka Kostova, seguidas de Dj Charlie e Dj Ekix garantindo a continuidade da diversión.
Actividades para a cativada
O evento tamén está pensado para os máis pequenos. Durante toda a tarde, desde as 18:00 até as 21:00 horas, haberá inchables á disposición da rapazada, permitindo que as familias poidan gozar dunha xornada completa.
Ademais, estará dispoñible un mercadiño de artesanía onde se poderán adquirir produtos locais e pezas únicas, así como postas de merchandising do propio evento.