A Comisión de Valoración e Seguimento do Viveiro de Empresas da Estrada celebrará unha reunión o vindeiro luns ás 12.00 horas para avaliar a incorporación dun novo membro, David Villar Brea, que desempeñará as funcións dunha consultoría informática especializada na xestión da cadea de subministración.
Polo de agora, este emprendedor aínda non está constituído como empresa. Deste xeito aproveitará unha das vantaxes que ofrece o viveiro, que permite ocupar un dos seus espazos durante tres meses para que o/a interesado/a leve a cabo os trámites necesarios para a posta en marcha do seu proxecto ata que xustifique o inicio da súa actividade e poida continuar no espazo.
De aprobarse a súa incorporación, o Viveiro de Empresas da Estrada contaría coa totalidade dos seus dez espazos cubertos: sete deles por pequenas empresas e emprendedores/as do municipio, un deles polo servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra, e outro cedido polo Concello á asociación Amicos.
O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, destacou o “éxito desta iniciativa municipal para fomentar o emprendemento na Estrada” e asegurou que “é un dos poucos viveiros da provincia xestionados íntegramente polo Concello e un dos que mellor retorno ten por parte dos usuarios”. Durán tamén quixo aclarar que, aínda que a priori non queden espazos baleiros, se hai algunha persoa interesada en formar parte do viveiro poderíase avaliar a súa incorporación xa que “o servizo de SmartPeme só se presta dous días ao mes e poderíamos mudalo de ubicación para darlle preferencia aos emprendedores estradenses”.
As persoas beneficiarias do Viveiro de Empresas, situado no Novo Mercado, teñen dereito a ocupar o espazo durante dous anos, prorrogables por outro ano a maiores.
Realizando un pagamento de 50 euros ao mes, teñen cubertos todos os gastos de luz, auga, calefacción, aire acondicionado, internet, teléfono e limpeza, ademáis de dispoñer dunha sala de reunións equipada para a realización de conferencias.
A Comisión de Valoración estará composta polo concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán; un membro da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE); un representante da Asociación de Empresarios da Estrada; e un membro da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra.