● O líder da candidatura popular de 2023 anunciou a súa decisión nunha reunión cos compañeiros do grupo municipal e con membros da xunta xestora do partido: “Non é un adeus, é un ata pronto, pero o meu traballo docente e o balonmán vanme impedir participar o ano que vén”
● Carlos Rodríguez, que permanecerá como voceiro ata final do mandato para cumprir cos veciños, agradeceu o apoio de todo o PP local e recibíu un gran recoñecemento ao seu traballo pola cercanía, sinxeleza e por deixar o partido ás portas da Alcaldía tras gañar cun 44,1%
O voceiro municipal do PP do Rosal e cabeza de lista nas pasadas eleccións municipais de 2023, Carlos Rodríguez, vén de anunciar que non repetirá como cabeza de lista da formación popular nas eleccións de 2027 por motivos profesionais e deportivos e tampouco concorrerá en postos de saída da candidatura xa que o seu futuro laboral e o vencellado ao mundo do balonmán impediranlle asumir as responsabilidades públicas de concelleiro no próximo mandato.
O líder da candidatura do PP do Rosal no ano 2023 anunciou a súa decisión nunha reunión celebrada na sede local cos seus compañeiros do grupo municipal e con membros da xunta xestora do partido: “Non é un adeus, é un ata pronto, porque o meu compromiso co PP e co Rosal seguen intacto e coa mesma ilusión do primeiro día, pero o meu traballo como docente e o meu futuro no balonmán, que todo o mundo sabe que é unha das miñas grandes paixóns, vanme impedir participar activamente, como me gustaría e como merecen os rosaleiros no proceso do ano que vén, que é fundamental para que haxa un cambio no noso concello”.
Carlos Rodríguez, que confirmou que permanecerá como voceiro ata final do mandato para cumprir o seu compromiso cos veciños, cre que este momento é o adecuado para anunciar a súa renuncia a encabeza a lista popular, “xa que a trece meses das eleccións hai tempo máis que suficiente para potenciar este proxecto, que está demostrado que funciona e que é o preferido polos rosaleiros, e dotalo dun novo líder para terminar de desbancar ao bipartito BNG-PSOE e poñer dunha vez por todas ao noso Concello ao servizo da xente”.
A partires de agora, e tras a pertinente comunicación á dirección provincial do PP, ábrese un proceso consistente na designación dun novo presidente para a xunta xestora, a posible reconfiguración de responsabilidades no seo do grupo municipal e a elección dun novo candidato para o ano 2027.
Na reunión do PP local, Carlos Rodríguez tivo palabras de agradecemento para todo o PP local, concelleiros, militantes, simpatizantes e colaboradores, pola súa lealdade, unidade e traballo a prol dos veciños “que fixeron que as miñas funcións como candidato e posteriormente como voceiro fosen moito máis sinxelas”. Pola súa banda, moitos dos asistentes realizaron un recoñecemento público á gran labor de Carlos Rodríguez nos seus catro anos á fronte do PP local e destacaron a súa cercanía, sinxeleza, carácter afable e tamén o cariño e confianza que esperta nos veciños, posto que lembraron que deixa o partido ás portas da Alcaldía tras un importante ascenso na cita electoral de 2023, na que gañou cun rotundo 44,1% dos votos.

