O Concello de Oia informa de que a Modificación Puntual número 1 das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal foi aprobada definitivamente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e xa está plenamente en vigor desde hai uns meses.
Esta modificación supón a adaptación da norma municipal de 1996 á normativa superior vixente e introduce cambios relevantes:
- Altura mínima dos locais comerciais e de oficinas: establécese unha altura libre mínima de 2,50 metros, en lugar dos 3 metros que se esixían anteriormente, sempre en coherencia coa normativa aplicable segundo a actividade.
- Cambio de uso en situación de “fóra de ordenación”: permítese agora a posibilidade de cambio de uso en inmobles que antes quedaban limitados por esta situación.
A modificación foi inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia co número ROTPG/P/35/2025, garantindo así a súa plena vixencia e seguridade xurídica.
Con esta actualización, o Concello de Oia dá un paso importante para modernizar e harmonizar o seu planeamento urbanístico, facilitando a adecuación dos inmobles e actividades ás necesidades actuais, sempre dentro do marco legal establecido.
O novo texto normativo pódese consultar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 122.



