HomePontevedraBaixo MiñoOia énchese de ilusión para dar a benvida ao Nadal coa visita...

Oia énchese de ilusión para dar a benvida ao Nadal coa visita de Papá Noel e a tradicional Cabalgata de Reis

- Anuncio -spot_img

Xa queda moi pouco para que chegue o Nadal e, como cada ano, Oia prepárase para vivir unhas festas cheas de maxia, alegría e momentos para compartir en familia. A programación arrincará o 24 de decembro coa visita de Papá Noel á recentemente renovada Praza de Abastos, un encontro moi esperado polos máis pequenos e pequenas.

Entre as 16.00 e as 18.30 horas, Papá Noel instalará o seu buzón na Praza de Abastos da parroquia de Santa María de Oia, onde os nenos e nenas poderán achegarlle as súas cartas cheas de soños e ilusións. Entre toda a rapazada que entregue a súa misiva sortearase un agasallo sorpresa e, para completar a tarde, haberá chocolatada para todas as persoas asistentes, tanto maiores como pequenos.

Papá Noel está desexando acudir ás instalacións da Praza de Abastos para recibir as visitas de todas as nenas e nenos de Oia, escoitar como se portaron ao longo do ano e saber que desexos lles gustaría ver cumpridos nestas festas. Esta cita será a primeira das grandes actividades do Nadal oiense, que culminarán coa visita das súas Maxestades de Oriente o 5 de xaneiro.

Cabalgata de Reis

O domingo 5 de xaneiro celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, unha das xornadas máis especiais do ano para o municipio. As súas Maxestades chegarán a Oia pola mañá e dedicarán todo o día a percorrer os distintos barrios e parroquias, espallando ilusión e alegría por cada recuncho.

O percorrido matinal comezará ás 11.00 horas na Portela, continuando por Mavia e Santa Comba (11.30 h), Praza de Acevedo (12.00 h), Praza de Loureza (12.30 h), Praza de Burgueira (13.00 h) e Praza de Torroña (13.30 h).

Xa pola tarde, a cabalgata retomará o seu itinerario ás 15.00 horas na casa cultural de Viladesuso, para continuar cara á casa cultural de Pedornes (15.30 h) e a Baixada ao Mosteiro (16.00 h), onde os Reis estarán acompañados pola Rondalla de Mougás. A continuación, a comitiva trasladarase á igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde haberá canto de panxoliñas e terá lugar a entrega de premios das postais da catequese.

A xornada continuará coa recepción oficial no CEIP Mestre Manuel García ás 17.15 horas, cunha tarde de agasallos, chocolatada e animación infantil. O peche da festa terá lugar na casa cultural de Mougás a partir das 19.00 horas.

Con esta programación, o Concello de Oia convida a toda a veciñanza a vivir unhas festas cheas de ilusión, encontro e espírito navideño, pensadas especialmente para desfrutar en familia.

Publicacións Relacionadas