— A Xunta instaurou estes premios co obxectivo de impulsar, difundir e compartir accións de atención á diversidade nas aulas
— Na categoría de Infantil e Primaria resultaron galardoados os colexios do Foxo (A Estrada), Plurilingüe Domaio (Moaña), Plurilingüe de Monforte de Lemos e o Centro de Educación Especial A Barcia (Santiago de Compostela)
— Na modalidade de Secundaria, Bacharelato e FP os premios recaeron nos institutos Fernando Blanco (Cee) e Sanxillao (Lugo), o Centro de FP Paseo das Pontes (A Coruña) e o instituto Valadares (Vigo)
A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2022, convocados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa a creación de contornas e culturas inclusivas.
Na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria, o primeiro premio é para o CEIP do Foxo (A Estrada), o segundo para o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña) e o terceiro para o CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos. O CEE A Barcia (Santiago de Compostela) obtivo o accésit.
No caso da categoría B, destinada a Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial, o IES Fernando Blanco (Cee) recibe o primeiro premio, o IES Sanxillao (Lugo) o segundo e o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) o terceiro. O accésit é para o IES Valadares (Vigo).
Os centros galardoados co primeiro premio recibirán 5.000 €, os que obtiveron o segundo 2.500 € e os do terceiro 1.000 €, mentres que os do accésit recibirán 500 €. Ademais, os centros premiados co primeiro premio obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.
A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro.
Colexio do Foxo (A Estrada)
Na categoría A, de Infantil e Primaria, o colexio do Foxo (A Estrada) alzouse co primeiro premio co proxecto Diversidade é vida, que ten como punto de partida a diversidade coa que conta nas súas aulas. É un centro rural que fomenta a inclusión empregando técnicas como a titoría entre iguais, o Deseño Universal de Aprendizaxe como paradigma vertebrado por de todas as accións educativas que levan a cabo no centro, a participación en programas de formación permanente do profesorado relacionados coa atención á diversidade, o programa de Educación Responsable e o de Digicraft, entre outros.
Colexio Plurilingüe Domaio (Moaña)
No caso do segundo galardoado, o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña), o proxecto foi escollido pola súa procura dun clima inclusivo en todo o centro docente debido á pluralidade de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que presenta. Isto levounos a participación en diversos programas e proxectos relacionados coa igualdade de xénero, implementar xornadas de sensibilización, participar en Contratos-Programa Inclúe-t, Convive-t e Iguála-t, levar á práctica a e desenvolver patios dinámicos.
Colexio Plurilingüe de Monforte de Lemos
O colexio CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos acadou o terceiro premio cun proxecto onde se recollen todas aquelas accións relacionadas coa inclusión que se están levando a cabo, así como plans de formación do profesorado en lingua de signos, actividades para alumnado procedente do estranxeiro, colaboración e participación con entidades e organizacións externas ao centro educativo e elaboración de recursos manipulativos entre outros.
Centro de Educación Especial A Barcia (Santiago de Compostela)
O Centro de Educación Especial A Barcia (Santiago de Compostela) obtivo o accesit polo proxecto O noso camiño, un proxecto no que o alumnado realizou, xunto ao profesorado, diferentes tramos do Camiño de Santiago, o que os levou a unir unha actividade deportiva con outra actividade de tipo cultural como é a que representa o marabilloso mundo do Xacobeo.
Instituto Fernando Blanco (Cee)
Canto ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional (modalidade B), o primeiro premio acadouno o instituto IES Fernando Blanco (Cee) con Tuéjele teatro, un proxecto de educación inclusiva a través das artes escénicas que proporciona un repertorio de coñecementos, aptitudes e destrezas de natureza social, cultural e artística. A través desta iniciativa creáronse vínculos estreitos que favoreceron o crecemento interpersoal e avivaron a creatividade.
Instituto Sanxillao (Lugo)
O instituto IES Sanxillao (Lugo) obtivo o segundo premio co proxecto A orientación inclusiva como motor de cambio nos centros educativos, que xurdiu como resposta ás necesidades que se manifestaron pola covid-19. Deste xeito, promoveron un programa propio de inclusión educativa impulsado polo departamento de orientación, que foi o punto de partida dunha nova filosofía de centro e unha nova forma de traballar, a través dos principios de prevención, planificación e sistematización do modelo propio de orientación educativa.
Centro Integrado de FP Paseo das Pontes (A Coruña)
O Centro Integrado de FP (CIFP) Paseo das Pontes (A Coruña) acadou o terceiro galardón co proxecto inclusivo O fomento da responsabilidade do alumnado como axente de cambio social inclusivo, onde se reflexa todo o traballo e accións desenvoltas non só a prol da inclusión do alumnado, senón tamén no fomento da responsabilidade social como axente de cambio que promove accións que derivarán nunha contorna máis inclusiva.
Instituto Valadares de Vigo
O accésit desta categoría foi para o instituto IES Valadares (Vigo) cun proxecto onde se reflicte a implementación de metodoloxías activas para mellorar a calidade do ensino no seu centro educativo e para acadar a inclusión de todo o alumnado. Así fan uso da aprendizaxe cooperativa, aprendizaxe baseada en proxectos, prácticas restaurativas, docencia compartida, programa LÍA (onde se deseñaron espazos na biblioteca para dar resposta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo).