HomeVigoO PorriñoOito exemplares de Sapoconchos nadan xa nas augas recuperadas das Gándaras de...

Oito exemplares de Sapoconchos nadan xa nas augas recuperadas das Gándaras de Budiño

- Anuncio -spot_img

Escolares do colexio de Atios xunto ao alcalde do Porriño e a conselleira de Medio Ambiente soltan oito exemplares de sapoconcho común no humidal das Gándaras de Budiño

Poden volver ao seu espazo natural tras as actuacións de restauración medioambiental levadas a cabo

Oito exemplares de sapoconcho común están de volta na súa casa nas Gándaras de Budiño. Foran retirados para poder levar a cabo as actuacións de restauración ambiental neste espazo natural e agora, volven á súa casa.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participaron, xunto a escolares de Atios, na solta destes réptiles de auga doce que hai en “moi poucas zonas de Galicia”, tal e como lembrou a conselleira. De feito, están en perigo de extinción.

Por iso foron trasladados: para protexelos durante os traballos de retirada de maleza e para recuperar a lámina de auga á que agora regresaron. “Cando se acometen esas obras hai que facer un estudo e control e retirar as tartarugas para volver despois a introducilas”, indicou Vázquez. Ao tempo, o alcalde mostraba a súa ledicia por esta recuperación e porque volvan ao seu espazo: “Demostramos así unha vez máis que o Porriño sabe xerar riqueza sen perder a súa alma verde. Non eliximos industria ou natureza. Eliximos ser referentes en ambas”, asegurou, engadindo que quere “un Porriño máis verde, máis sostible e máis vivo”.

Nese senso, a conselleira puxo en valor que as actuacións levadas a cabo deron como resultado “un ecosistema recuperado e preparado para a vida”, dixo Ángeles Vázquez, que engadiu que restaurar dun xeito planificado e baseado en criterios técnicos é clave “para conservar e preparar o futuro”.

Os traballos

En concreto, os traballos feitos para mellorar a dinámica hidrolóxica da lagoa, favorecendo a permanencia da auga durante todo o ano, permitiron recuperar a funcionalidade ecolóxica do humidal e garantir a continuidade das especies que dependen del. “Creamos un ecosistema máis equilibrado, resiliente e adaptado ás necesidades das especies propias das zonas húmidas”, subliñou a conselleira.

Así, hoxe se reintroduciron na lagoa oito exemplares de sapoconcho común, que é unha especie emblemática e moi vulnerable, que está incluída no Catálogo galego de especies ameazadas. Ten, ademais, un alto interese para a conservación da biodiversidade, asociada a humidais ben conservados e con abundante vexetación acuática.

Polo tanto, a súa reintrodución nesta área supón o mellor exemplo do éxito das actuacións levadas a cabo polo Goberno galego nas Gándaras de Budiño porque a súa presenza é un indicador da boa calidade ambiental deste ecosistema acuático, onde o sapoconcho común atopa condicións adecuadas para o seu desenvolvemento, grazas á existencia dunha lámina de auga permanente, vexetación palustre e zonas tranquilas para a cría e refuxio. De feito, este espazo natural constitúe un enclave estratéxico para a súa conservación no sur da provincia de Pontevedra, funcionando como área de reprodución, alimentación e hibernación.

Nesa liña, segundo explicou a conselleira, para garantir a protección desta especie, varias decenas de exemplares foron retirados da lagoa antes do inicio dos traballos e, agora, unha vez estabilizado o hábitat tras concluír as actuacións e finalizada a época de hibernación, procederase á súa reintrodución progresiva.

Deste xeito, o humidal das Gándaras de Budiño reforza o seu papel como hábitat esencial tanto para o sapoconcho común, como para aves acuáticas de interese, como a cerceta real (Anas crecca), que atopan neste espazo un lugar axeitado para alimentarse, reproducirse e refuxiarse ao longo do ano.

Publicacións Relacionadas