HomePontevedraBaixo MiñoOnce árbores orixinais e creativos para desfrutar do Nadal na Praza do...

Once árbores orixinais e creativos para desfrutar do Nadal na Praza do Seixo

- Anuncio -spot_img

A creatividade veciñal enche de maxia o corazón de Tomiño nunha nova edición do Concurso de Árbores de Nadal impulsado polo Concello

A asociación Vontade, o veciño Óscar Lago e o CEP Pedro Caselles Beltrán, gañadores desta edición

Cando a creatividade se mestura co espírito do Nadal, o resultado convértese nun espectáculo colectivo que transforma o espazo público nun lugar para compartir, sorprenderse e celebrar xuntos. Así se vive estes días as festas na Praza do Seixo, onde as once creacións participantes no Concurso de Árbores de Nadal impulsado polo Concello compiten en orixinalidade, deseño e compromiso ambiental.

As composicións, elaboradas por asociacións, centros educativos e veciñanza a título individual, foron avaliadas por un xurado que tivo en conta criterios como o deseño, a creatividade, o grao de dificultade, a ambientación, a orixinalidade, a iluminación e a montaxe, así como o uso de materiais ecolóxicos, resistentes á intemperie e unha altura mínima establecida nas bases.

O xurado estivo composto polo concelleiro de Mocidade, Agustín González; a técnica municipal de Medio Ambiente, Andrea Fernández; e Julia Alasino, da cooperativa Alalá, que coincidiron en salientar o alto nivel das propostas presentadas. “A decisión foi especialmente complicada pola calidade e o coidado de todas as obras, nas que se aprecia moito traballo, detalle e ilusión”, sinalaron.

Tras a valoración final, as composicións gañadoras foron:

  • 1º premio (600 euros): Asociación Vontade
  • 2º premio (300 euros): Óscar Lago Fernández
  • 3º premio (150 euros): CEP Pedro Caselles

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor desta iniciativa máis alá da competición: “Este concurso é unha mostra do talento, da implicación e do compromiso ambiental da nosa veciñanza. Enchemos a Praza do Seixo non só de decoración, senón tamén de valores como a colaboración, a creatividade e o coidado do común”, subliñou.

Desde o Concello quíxose agradecer expresamente a participación de todas as persoas e colectivos que fixeron posible esta edición, animando á veciñanza a achegarse á Praza do Seixo e aos xardíns do Concello para gozar das árbores, que permanecerán expostas durante todas as festas de Nadal, ata o vindeiro 6 de xaneiro.

Publicacións Relacionadas