O alcalde, Jorge Cubela salientou o esforzo dos traballadores municipais en manter en condicións de seguridade as estradas que vertebran a comunicación interior do concello
O operativo de limpeza deseñado polo Concello de Cerdedo-Cotobade para desentullar cunetas, taxeas e marxes chegou estes días ata a estrada municipal que une as localidades de Praderrei, en Campo Lameiro, e Fentáns, na parroquia de San Xurxo de Sacos. Os traballadores municipais, empregando medios propios e maquinaria do Concello, procederon estes días a realizar unha limpeza a fondo co fin de deixar libres as cunetas deste vial de todo entullo co fin de garantir o correcto discurrir das augas pluviais procedentes das precipitacións metereolóxicas que se van producindo ao longo destas xornadas e que requiren dunha atención especial por parte dos operarios. O alcalde, Jorge Cubela, salientou o traballo realizado polos operarios municipais e insistiu na necesidade de ter estes viais o máis atendidos posibles para garantir a seguridade viaria e tamén evitar que coa acumulación de precipitacións se poida provocar problemas tanto aos vehículos que utilizan estas vías como aos peóns.
Os traballos consistiron básicamente en retirar calquer resto de material forestal como pólas e follas que atrancaban por completo os pasos das tubaxes de canalización das augas pluviais como o afianzamento do terreo en taxeas que se veían moi comprometidas pola acción continuada da auga de choiva destes días. Ante a previsión de que siga chovendo nos vindeiros días, os operarios municipais están apurando a súa intervención nos viais de tutularidade municipal para evitar que se produzan atrancos, embolsamentos de auga, grandes charcos ou desprendementos de terra que poidan comprometer a seguridade nestas estradas que vertebran o interior do diversificado municipio de Cerdedo-Cotobade.