HomeTabeirósA EstradaOs 117 alumnos da 14ª promoción de Policía Local que se forma...

Os 117 alumnos da 14ª promoción de Policía Local que se forma na AGASP inician as prácticas nos seus respectivos concellos

- Anuncio -spot_img

― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva visitou hoxe o alumnado con motivo da súa despedida das clases teóricas ata outubro

― Ao remate da formación, os novos policías locais cubrirán prazas nunha trintena de concellos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a 14ª promoción de policía local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). O encontro organizouse con motivo da despedida ata outubro dos 117 alumnos e alumnas que a conforman, para desenvolver as prácticas nos respectivos concellos.

A meirande parte do alumnado formado cubrirá prazas convocadas por 29 municipios. Así na provincia da Coruña, os destinos son A Coruña, Betanzos, Fene, Ferrol, Narón, Ordes, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Santiago de Compostela e Valdoviño. Na de Lugo, cubrirán prazas Foz, Lugo e Viveiro, e na de Ourense, A Pobra de Trives, O Carballiño e O Barco de Valdeorras. Pola súa banda, en Pontevedra, os destinos son Bueu, Nigrán, O Grove, O Rosal, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa.

A maiores, hai tamén alumnado procedente dos procesos de selección dos concellos de Oleiros, Boiro e Lalín, e do último proceso de selección de Policía Local de Vigo, que vén de sumarse ao convenio de colaboración entre a Xunta e os municipios galegos ao que están adscritas 89 entidades locais das 127 con corpos de Policía Local.

No encontro, Santiago Villanueva felicitou o alumnado polo seu esforzo no proceso de aprendizaxe e pola vocación de servizo público que demostra ao orientar o seu futuro laboral á protección e defensa das súas veciñanzas. Tamén tivo palabras de recoñecemento para o equipo da AGASP, que coa súa profesionalidade e ben facer contribúe a que Galicia conte con persoal cualificado para afrontar os importantes retos que supón a seguridade cidadá.

Centro de referencia
A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Nesta liña, no primeiro semestre do ano a Academia realizou 64 cursos con máis de 1.400 prazas no plan de formación continua, dirixido ao persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-. En concreto, impartíronse 42 módulos presenciais de 775 prazas e outros 22 con 705 vacantes na modalidade de teleformación. As accións abarcan tanto cursos de operativa policial, orientados ás condicións psicofísicas dos policías e autodefensa, como en materias de ámbito social ou o tratamento de persoas en especial vulnerabilidade e menores.

Publicacións Relacionadas