Costa e Cubela insistiron na necesidade de ampliar ata 7 metros a plataforma do vial que optimizará a vertebración viaria entre ámbolos dous concellos e a N-541
Os alcaldes de Campo Lameiro, Carlos Costa, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela unha xuntanza de coordinación coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para tratar da mellora da PO-230 que une Praderrei (Campo Lameiro) coas localidades de Fentáns e Serrapio, no concello de Cerdedo-Cotobade e que sairá en breve a exposición pública.
A petición conxunta destes dous alcaldes do interior da provincia de Pontevedra céntrase fundamentalmente en eliminar varias curvas que fan moi sinuoso o trazado deste vial que vertebra a comunicación viaria entre ámbolos dous concellos. Os rexedores queren que a vía dispoña de dous cómodos e seguros carriles de 3 metros cada un máis 0,5 metros en cada arcén convertindo a actual estrada nun vial de 7 metros de plataforma.
A MELLORA DA PO-230, COMPROMISO FIRME DA CONSELLEIRA
Ethel Vázquez trasladoulle aos alcaldes o compromiso da Consellería de axilizar ao máximo os trámites para que esta actuación se poida levar a cabo o máis axiña posible aínda que lles manifestou que a intención do seu departamento é a de abordar esta obra por fases. Con esta actuación, a Xunta pretende favorecer que os núcleos rurais de Praderrei, Parada, San Isidro, Fornelos, Fentáns e Serrapio, así como outros dos arredores, teñan unha mellor conectividade coa estrada nacional N-541 que canaliza a mobilidade da veciñanza cara Pontevedra e a provincia de Ourense.
Tanto Carlos Costa como Jorge Cubela agradeceron a máxima disposición e a sensibilidade amosada pola conselleira Ethel Vázquez cara este proxecto e agardan que con esta importante obras os núcleos rurais directamente afectados gañen en seguridade no trazado e comodidade para poder vertebrar mellora a comunicación tanto interior, entre ámbolos dous concellos, como coa propia capital da provincia ao enlazar este vial coa nacional N-541 que recolle o tráfico cara Pontevedra e tamén cara a provincia de Ourense.



