Dá servizo a seis importantes entidades de poboación en ámbolos dous concellos e presenta graves problemas de seguridade viaria pola súa estreitez e sinuosidade do trazado
Consideran prioritario continuar con novas fases para vertebrar mellor a comunicación interior da provincia e favorecer o acceso dos residentes no rural ás vías de alta capacidade como a N-541
Os alcaldes de Campo Lameiro, Carlos Costa, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, dirixíronse a Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, para que nos plans de investimento da Xunta de Galicia se teña en conta a necesidade de seguir acometendo novas fases de mellora e ampliación da estrada autonómica PO-230 que vertebra ambolos dous concellos entre Praderrei e Serrapio e que dá acceso a sete núcleos de poboación nestes municipios.
Costa e Cubela percorreron este vial facendo diferentes paradas para comprobar “in situ” os problemas de seguridade viaria que presenta esta estrada en varios puntos debido a súa estreitez e sinuosidade que fai que nalgunhas zonas o paso de vehículos de grande porte se faga con dificultade e incluso os camións, sobre todo os madeireiros, se vexan obrigados a invadir o carril contrario.
A PO-230 é unha estrada autonómica que vertebra a comunicación entre os dous concellos e dá servizo, fundamentalmente, a veciños e veciñas que residen nas poboacións de Praderrei, Fentáns, Parada, San Isidro, Fornelos e Serrapio.
Con anterioridade, fíxose unha actuación por parte da Xunta de Galicia para acometer a primeira fase da mellora desta estrada que tivo como punto de actuación o vial que comunica a ponte de Serrapio con Vichocuntín, no entronque coa Nacional 541, polo que os alcaldes de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade solicitan agora que se siga avanzando con este proxecto e se lle dea continuidade afrontando a mellora do tramo entre Serrapio e Praderrei ampliando a plataforma polo menos ata os sete metros, como a modificación feita na primeira fase, e suprimindo varias curvas do trazado actual para facilitar a condución e a seguridade viaria.
Segundo manifestou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, “o que pretendemos ámbolos dous rexedores é que a Xunta dea continuidade a unha actuación moi importante no seu momento, pero que precisa de ser completada ata Praderrei polo que estamos facendo xa xestións ante a Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, para que a Xunta priorice, dentro das súas obras, esta actuación que é moi necesaria pola estreitez da plataforma, a sinuousidade do seu trazado e a perigosidade para o tránsito de vehículos de gran porte, como camións que as veces se ven obrigados a invadir o carril contrario”.
Pola súa banda Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, salientou “o gran uso que ten esta estrada que vertebra parte do interior da provincia de Pontevedra e que é a vía de comunicación fundamental entre os veciños de Praderrei, Fentáns, San Isidro, Parada, Fornelos e Serrapio e que precisa de continuar cunha actuación da que se fixo a primeira fase e que agora agardamos que se continúe para que se acade o obxectivo desa actuación que non é outro que mellorar a conexión por estrada dos veciños de ámbolos dous concellos coas principais vías de alta capacidade, como a N-541 e tamén cos distintos núcleos de poboación diseminados polo noso rural”.



