HomePontevedraBaixo MiñoOs carteiros e carteiras máis especiais chegan ás residencias de Tomiño

Os carteiros e carteiras máis especiais chegan ás residencias de Tomiño

- Anuncio -spot_img

Integrantes de Voces Novas, promotores do programa ‘Unha postal polo Nadal’, entregaron medio cento das cartas personalizadas ás persoas maiores destes centros

Tomiño deixou en mans duns carteiros e carteiras moi especiais a entrega das primeiras cartas personalizadas da iniciativa ‘Unha postal polo Nadal’, un proxecto ideado e promovido polo Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, a través do que case 700 maiores do concello recibirán unha postal personalizada deseñada, creada e escrita polo alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do municipio.

Dez integrantes de Voces Novas entregaron estes días as primeiras 53 cartas ás persoas maiores das dúas residencias de Tomiño. O resto das misivas, máis de 620, foron enviadas xa por correo aos fogares de todos aqueles tomiñeses e tomiñesas con máis de 85 anos.
Trátase dunha iniciativa “moi bonita e humana” que xa celebra a súa terceira edición e que ano a ano vai medrando, como salienta a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, “grazas á rapazada tan implicada, colaborativa e empática que temos no noso concello. Temos que agradecer un ano máis o gran traballo feito por todos os mozos e mozas de Voces Novas e a ilusión, esforzo e ganas que puxeron en cada unha das cartas que crearon o alumnado do CEP Pedro Caselles Beltrán, CEIP Pintor Antonio Fernández, CEIP de Sobrada, CEIP de Tebra, CEIP de Barrantes e IES Antón Alonso Ríos”.

Un agradecemento que a edil quere facer extensivo ao gran número de persoas que fan posible un ano máis esta iniciativa grazas ao seu compromiso e colaboración desinteresados e que este ano permitirá facer chegar ás persoas maiores do municipio case 700 tarxetas pintadas e decoradas con diferentes técnicas nas que se incluíron ademais mensaxes personalizados. Rodríguez anima a todas as persoas remitentes a continuar a cadea e responder a estas tarxetas feitas con agarimo.

Tomiño é unha das Cidades Amigas da Infancia recoñecidas en Galicia por UNICEF. Un dos requisitos para conseguir esta distinción foi precisamente contar cun Consello da Infancia e Adolescencia comprometido co futuro do seu municipio e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, que inclúen desde a eliminación da pobreza ata a loita contra o cambio climático.

Publicacións Relacionadas