Unha subvención da Xunta de Galicia permite garantir a accesibilidade ao Centro Cultural de Parderrubias para tódalas persoas.
Esta obra que suma un custe total de 12.865,15€, sendo subvencionados 12.000€ pola Xunta de Galicia, e aportando a Comunidade de Montes de Parderrubias os restantes 865,15€.
O día 15 de outubro rematáronse as obras de colocación dun salvaescadas e de mellora de eficiencia enerxética do edificio, unha subvención que este ano se solicitou por parte da Asociación Agrícola Cultural e Veciñal de Parderrubias, e que leva como liña de petición: “Subvencións en réxime de concorrencia competitiva dentro do plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia”.
Nestas obras se executaron dous proxectos; por un lado un salvaescadas, moi necesario para a parroquia, xa que conta con moitos e moitas socias de avanzada idade e dificultade na mobilidade. Con esta obra non só se atende a este colectivo, senón a tódalas persoas que precisen este mecanismo para poder acceder ao salón de actos do Centro Cultural. Desta forma eliminamos barreiras para acollera os nosos veciños.
Por outra banda a zona presentaba insuficiencia luminaria, feito que grazas á colocación de luminarias led, quedou solventada, mellorando a visibilidade e permitindo ter un sitio máis seguro e evitar accidentes.
Desta maneira tódolos colectivos de Parderrubias se ven beneficiarios coa obra, sendo unha actuación conxunta entre os colectivos que mellora a mobilidade abrindo portas. Melloramos a accesibilidade para que todo o mundo teña acceso á cultura e aos diferentes eventos que teñen lugar no Centro Cultural.