HomePontevedraPoioOs composteiros comunitarios trataron máis de 80 toneladas de restos orgánicos durante...

Os composteiros comunitarios trataron máis de 80 toneladas de restos orgánicos durante 2022, un incremento do 25% con respecto a 2021

- Anuncio -spot_img

• Xeráronse preto de 35 toneladas de compost, que foi repartido entre uns 300 usuarios e usuarias aproximadamente para o seu uso en cultivos, parcelas, plantas e macetas

• O concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, salienta e agradece o compromiso da veciñanza á hora de facer uso deste servizo, ao tempo que anuncia que nas vindeiras semanas empezarán a funcionar os novos dispositivos de Ánkar de Ferreirós

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), destaca o “sobresaínte funcionamento” dos Centros Comunitarios de Compostaxe (CCC) operativos na parroquia de San Salvador. Tal e como constante a memoria anual elaborada pola mestra composteira, ao longo do ano 2022 tratáronse nestes recipientes máis de 80 toneladas de residuos orgánicos, das cales preto de 55 corresponden a fracción orgánica de residuos municipais (que proveñen das achegas dos veciños) e uns 25 de fracción vexetal. Tal e como indica o edil delegado da área, estas cifras supoñen un incremento de máis do 25% con respecto a 2021. Casás lembra que estes composteiros comezaron a funcionar a finais de 2020, cun primeiro dispositivo instalado na contorna do parque Rosalía de Castro, en Ferreirós, e que, dada a “espectacular resposta” por parte da cidadanía, pouco a pouco fóronse incrementando. A día de hoxe, ademais de ampliar o primeiro CCC, tamén se instalaron en Valiña e Río Miño. Asemade, está previsto que nas vindeiras semanas empecen a funcionar outros dous novos composteiros comunitarios, situados na contorna do parque de Ánkar e nas proximidades do Casal de Ferreirós. A instalacións destes dous últimos recipientes lévase a cabo ao abeiro da achega de 80.000 euros, de fondos europeos, xestionados perante a Xunta de Galicia, que tamén contempla outras actuacións comoa a adquisición de dez biotrituradoras.

Outro dato que tamén demostra o interese da veciñanza á hora de apostar pola compostaxe como tratamento de restos orgánicos é o incremento do compost resultante.

O Concello estima que foron máis de 34 as toneladas de compost resultante en todos os CCC. En total, repartíronse 692 sacos entre a veciñanza, de xeito gratuíto, para utilizar en viñedos e outros cultivos de gran extensión, aos que hai que sumar outros máis pequenos, de 1 quilogramo de peso, para utilizar en macetas e plantas. Julio Casás calcula que a día de hoxe son preto de 300 os usuarios e usuarias que fan uso destes recipientes en San Salvador de xeito habitual. “Isto corrobora que resultou todo un acerto adherirnos ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, a través do cal comezamos a instalar os composteiros, así como a concienciación que existe entre os nosos veciños e veciñas á hora de realizar unha xestión axeitada dos residuos orgánicos”, apunta o concelleiro socialistas, que lembra que a intención da Administración local é continuar ampliando o número de composteiros comunitarios a outros núcleos urbanos do municipio.

Por outra banda, Julio Casás tamén salienta a enorme demanda que teñen os composteiros individuais, que se poden solicitar no Concello. “Ás toneladas dos comunitarios temos que sumar todos os biorresiduos xestionados e que se deixan de recoller, transportar e tratar en Sogama”, finalizou o edil de Servizos Municipais, que ten claro que “aínda queda por facer, pero estamos no camiño correcto para cumprir coas directrices que establecen as novas normativas neste eido de cara ao futuro inmediato”.

Publicacións Relacionadas