HomeO MorrazoMarínOs concellos de Marín e Meaño acollerán durante a vindeira semana sendos...

Os concellos de Marín e Meaño acollerán durante a vindeira semana sendos cribados preventivos do Servizo Galego de Saúde para incidir na detección da Covid 19

- Anuncio -spot_img

O centro de saúde de Meaño cribará con test rápidos de antíxenos as tardes dos vindeiros luns 22 e martes 23 de febreiro, onde se convocará a 1.835 persoas dentre 30 a 60 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde desta localidade

A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde, efectuará durante a vindeira semana sendos cribados preventivos de detección da COVID 19 nos concellos de Marin e Meaño para continuar incidindo na deteccción do maior número posible de portadores asintomáticos nestas localidades e reducir, deste xeito, a cifra de contaxios por coronavirus.

No que atinxe ao Concello de Meaño, será no seu centro de Atención Primaria onde se efectúen -as tardes dos vindeiros luns 22 e martes 23 de febreiro de 2021 a partires das 15:30 horas- novos cribados poboacionais voluntarios con test rápidos de antíxenos -tomando unha mostra nasofarínxea-.

A Administración Sanitaria Pública galega vai convocar, gradualmente e vía SMS telefónico, á poboación de Meaño dentre 30 a 60 anos de idade con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde deste Concello, colectivo que nesta localidade acada as 1.835 persoas.

Para levar a cabo dito cribado, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará os vindeiros luns e martes no centro de saúde de Meaño con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras nasofarínxeas e información aos usuarios.

Os resultados negativos no centro de saúde meañense serán comunicados vía SMS pola Área Sanitaria, mentres que os positivos notificaránse contactando directamente por teléfono con cada persoa.

Cribado entre o martes e o sábado en Marin
Así mesmo, o cribado a desenvolver no Concello de Marin efectuaráse nun punto específico habilitado no aparcamento entre a Escola Naval e o Porto entre os vindeiros martes 23 e sábado 27 de febreiro. Cómpre sinalar que o total de usuarios con Tarxeta Sanitaria en Marin acada os 24.242 habitantes. Entre ese colectivo, 12.763 persoas teñen entre 30 e 65 anos -grupo ao que se lle efectuará o cribado con test de saliva-.

Os criterios da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para realizar este cribado poboacional estiman que se efectúe, de xeito voluntario, somentes aos ditos cidadáns dentre 30 e 65 anos con tarxeta sanitaria activa e centro de saúde asignado en Marin, que non sexan persoal de residencias, que non teñan un PCR positivo no últimos tres meses e que dispoñan dun teléfono movil ao que poderlles enviar un SMS de citación e o resultado do seu cribado.

14 profesionais coordinados por un facultativo
Para levar a cabo esta iniciativa preventiva, entre os vindeiros martes 23 e sábado 27 de febreiro, a Administración Sanitaria Pública galega contará no aparcamento entre a Escola Naval e o Porto de Marin cun cadro de 14 profesionais, coordinados por un médico, que realizarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, entrega de tubos para as mostras de saliva e información aos usuarios.

Deste xeito, o vindeiro martes 23, entre as 10 e as 19:30 horas, os equipos profesionais entregarán miles de tubos para recollida de mostras de saliva aos cidadáns citados. Dita entrega continuará o mércores 24 e o xoves 25 de febreiro entre as 8:30 e 18 horas, cando se recollerán as mostras dos tubos entregados os días anteriores e que, diariamente, enviaránse ao Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo para a súa análise.

Tamén o venres 26 de febreiro efectuaránse máis recollidas e entregas de tubos con mostras de saliva, pero en horario de 8:30 ás 16 horas. E, finalmente, o sábado 27 rematará a recollida de tubos con saliva ás 13:30 horas.

Mostras procesadas na Área Sanitaria de Vigo
A totalidade das mostras tomadas no Concello de Marín procesaránse no servizo de Microbioloxía da Área Sanitaria de Vigo, sendo os resultados comunicados por SMS aos usuarios no caso de que éstes resulten negativos. Se, pola contra, foran positivos, a devandita notificación comunicaráse de xeito individual a cada cidadán.

Publicacións Relacionadas