Os datos do censo de vivenda pública demostraron o rotundo fracaso da política de formigón e cemento de Telmo Martín

adminON
Lectura mínima de 5

Os nacionalistas acusan ao alcalde de centrarse nos  

últimos 20 anos en promover exclusivamente a construción  de segundas residencias e inmobles de luxo, consolidando  “guetos para ricos” no concello 

A falta de vivenda para todo o ano en Sanxenxo obrigou a un  gran número de persoas, especialmente mozos e mozas, a  marchar do concello, recordan desde o Bloque 

Os datos do censo municipal para  demanda de vivenda pública, con máis de medio milleiro de persoas  anotadas, é a proba real e evidente do fracaso da política de formigón e  cemento de Telmo Martín. Así o entende o grupo municipal do Bloque  Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo, que acusa ao rexedor de  promover durante décadas unha xestión urbanística co único obxectivo  de “crear guetos para ricos no municipio”, deixando de lado unha  necesidade de primeira orde, como é o acceso a unha vivenda durante  todo o ano para a veciñanza, especialmente no que se refire a xente  moza. 

Os nacionalistas sinalan que os datos do censo “non poden supoñer  unha sorpresa para ninguén, tendo en conta o éxodo de mozos e mozas  que nos últimos anos tiveron que marchar de Sanxenxo para poder  vivir, ao non existir aquí unha demanda minimamente suficiente de  vivendas para todo o ano”. Esta situación é consecuencia da política de  Telmo Martín, tal e como denuncia o Bloque. “O único obxectivo do  alcalde foi promover a construcións de chales e inmobles pensados para  segunda residencia. A demanda de vivendas para todo o ano sempre existiu, pero o señor Martín non tivo escrúpulos en priorizar unha oferta  pensada só para as clases máis altas ou cun maior nivel adquisitivo”,  sinala o voceiro do BNG, Fran Leiro, que recorda que os prezos destas  vivendas son totalmente inalcanzables para persoas cun soldo medio. 

O Bloque ten claro que este censo non é máis ca unha cortina de fume  promovida polo Partido Popular para intentar agochar unha realidade  indebatible: en máis de 20 anos Telmo Martín non foi quen de  promover a construción dunha soa vivenda pública. “Puideron moitos  máis as súas ansias especulativas e unha política urbanística chea de  cemento e formigón na que os intereses e as necesidades da veciñanza  de Sanxenxo non se tiveron en conta”, critican os nacionalistas. Esta  situación tamén afecta de xeito directo a sectores como a hostalería, xa  que a falta de vivenda dificulta, en moitas ocasións, as contratacións de  persoal, ao non existir opcións de aloxamento para persoas de fóra do  municipio interesadas en traballar nalgún negocio local.  

O BNG ten claro que ese medio milleiro de persoas que solicitan  vivenda pública, son, en realidade, “moitas máis”, xa que  “probablemente os inscritos son xente que vive en parella ou coa súa  familia” e lamenta que Telmo Martín provocase e acentuase a eiva de  vivenda pública ata convertela “nun mal endémico”. Por isto, os  nacionalistas advirten de que “non imos tolerar que o señor Martín  volva enganar á veciñanza como xa fixo nos últimos 20 anos, nos que,  entre outras ‘fazañas’, “o alcalde gastou miles de euros na creación da  empresa públcia Ínsula Sanxenxo, promovida supostamente para  desenvolver vivenda pública e sen realizar unha soa actuación neste  eido en dúas décadas”.  

Por último, o Bloque tamén lembra que é a Xunta de Galicia, gobernada  polo Partido Popular, a que debe implicarse na construción de vivenda  pública, algo que non fixo en Sanxenxo. “Esta é unha proba máis do  nulo peso político de Telmo Martín fóra do concello. Non é quen de  lograr que as administracións nas que goberna o seu propio partido  dean resposta ás necesidades máis acuciantes da veciñanza”, conclúen  os nacionalistas.

Comparte este artigo