• Pablo Leiva recorda que o nivel de endebedamento deste concello é o segundo máis alto da comarca.
• O candidato popular afirma que unha das primeiras medidas do seu goberno será revisasr e reducir as retribucións.
O Partido Popular destaca que os 12 anos de Goberno socialista do Grove custaron aos veciños 1,5M€, unha cifra que non inclúe a participación en comisións informativas, nin a asistencias a plenos nin ás xuntas de goberno do primeiro mandato, e no que tampouco están contemplados outros gastos como dietas por desprazamentos, comidas e outros conceptos.
Recordan, ademais, que unha das primeiras medidas que tomou o alcalde a principio deste mandato foi autosubirse o soldo, que segundo os datos do Ministerio de Facenda percibe un salario bruto de 50.545,32 euros anuais, así como aumentar as dedicacións exclusivas dos concelleiros.
Desde o PP non se cuestiona que o Goberno cobre pola súa adicación e polo seu traballo, pero si consideran que este gasto “é excesivo e abusivo”, así como “aproveitar a maioría absoluta para que unha das primeiras medidas sexa garantirse maiores soldos para os membros do goberno”. Nesta liña recordan que O Grove ten unha poboación inferior a 11.000 habitantes e un endebedamento importante, polo que non parece de recibo que os membros do goberno cobren os soldos que cobran cando, ademais, a xestión, o traballo e os resultados dalgún deles son máis que cuestionables.
Un endebedamento que, engaden, é o segundo máis alto da comarca, con 430 euros por habitante. “Con estes datos, parece que esta prioridade que se marcou o Goberno socialista a principio deste mandato foi unha medida indecente, que sitúa ao Grove cunhas retribucións públicas do Goberno ao nivel de grandes urbes”.
Por iso, o PP afirma que unha das primeiras medidas do seu goberno será revisar e reducir as retribucións de alcalde e concelleiros liberados.