Os problemas que presenta este exemplar fan que a tala sexa “a opción máis coherente a tomar, sobre todo tendo en conta a súa ubicación”, tal e como se recolle nos informes encargados polo Concello para poder tomar uha decisión.
A concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, informou esta mañá da situación que
arroxan os informes técnicos encargados polo Concello do exemplar da Sequoia sempervivens que se atopa en mal estado na Alameda e que supón un perigo para os
viandantes e as infraestruturas que ten ao seu redor.
Segundo explicou a concelleira, solicitáronse informes técnicos para coñecer de xeito
concreto o estado de exemplar. Neles, indícase a presenza de diferentes fungos, algúns
deles responsables do murchamento vascular e da podremia nas raíces. De feito,
asegúrase que “unha parte importante do seu sistema radical está morto”.
Ademais, os técnicos afirman que existe unha codominancia que pode supoñer un perigo,
xa que se trata dunha unión débil que poderá abrir e romper. A isto se lle suman moitas
das ramas, xa secas, cuxa rotura e caída xera unha situación de perigosidade.
Con todos os datos na man, os técnicos apuntan á necesidade de talar a secuoia “como
opción máis coherente coa situación fitosanitaria e biomecánica do exemplar, sobre todo
tendo en conta a súa ubicación”.