O Multíusos de Arcade acolle a terceira edición do Obradoiro de Montaxe organizado de maneira conxunta pola Sociedade de Pesca de Soutomaior e o Concello de Soutomaior.
20 de xaneiro. Este sábado, 25 de xaneiro, terá lugar no Multiúsos de Arcade o III Obradoiro de Montaxe de Artesáns da Pesca. Un evento organizado de maneira conxunta pola Sociedade de Pesca de Soutomaior e polo Concello de Soutomaior e que reunirá nun mesmo espazo aos mellores artesáns do sector da pesca a nivel galego, estatal e mesmo internacional.
Así, o cadro de artesáns convidados nesta edición está formado por Jorge Rodríguez Maderal, Álex Puente, Eloi Saavedra, Miguel Piñeiro, Fernando Comba, Alberto Mera, Suso Vilar, José Manuel Ortiz, Santi Nitas, Joaquín López Quintás, José Luis Maceira, Antonio Vilariño, Jesús Rodríguez, Jon Joseba Barturen, Jaime Omar, Marcos Benito e Javier Álvarez Díaz.
A apertura ao público do obradoiro terá lugar ás 10:00 horas do sábado. Durante a quenda da mañá, os artesáns irán facendo demostracións prácticas sobre o seu labor para o público asistente. Ademais, tamén decorrerá un curso básico de lance de mosca antes do peche ao público, ás 13:30 horas. O obradoiro retomará a súa programación ás 17:00 horas. Finalmente, o peche da xornada terá lugar ás 19:45 horas, coa intervención do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Precisamente, o alcalde destacou “a importancia deste Obradoiro de Montaxe e en xeral de todo o traballo realizado pola Sociedade de Pesca de Soutomaior, poñendo en valor o potencial dos nosos dous ríos, Verdugo e Oitavén, e das persoas que dedican as súas vidas a eles. É unha inmensa sorte que Soutomaior acolla este tipo de actividades de divulgación sobre un dos sectores con maior conciencia medioambiental e que máis coidan dos recursos naturais do noso concello”.