Sobre un censo de 9.915 cidadáns maiores de 15 anos deste Concello, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recolleu un total de 7.190 mostras de saliva e nasofarínxeas, un 72,5 por cento dos convocados
Para o grupo poboacional dentre 15 e 69 años -que acada en Bueu as 8.167 persoas- recolléronse 5.963 mostras de saliva, mentres que no colectivo de 1.748 persoas con 70 e máis anos, o cribado acumulou 1.227 mostras
Os miles de cribados preventivos efectuados a pasada fin de semana en Bueu enmarcados na estratexia de contención da COVID 19 do Servizo Galego de Saúde, deron coma resultado ata o de agora trece positivos por coronavirus nun total de 7.190 mostras de saliva e nasofarínxeas recollidas sobre un censo de 9.915 cidadáns maiores de 15 anos deste Concello. Dita participación foi do 72,5 por cento da poboación convocada voluntariamente a este cribado preventivo.
Cómpre sinalar que para o grupo poboacional dentre os 15 e os 69 años -que acada nesta localidade as 8.167 persoas- recolléronse un total de 5.963 mostras de saliva, mentres que entre o colectivo de 1.748 persoas con 70 e máis anos de idade, o cribado efectuado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acumulou 1.227 mostras nasofarínxeas.
Das mostras do primeiro grupo de persoas dentre 15 a 69 anos obtivéronse un total de dez positivos por COVID. No que atinxe ao grupo poboacional de 70 e máis anos do Concello de Bueu, das mostras obtidas no cribado da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectáronse tres positivos por COVID, amén doutras tres mostras que aínda continúan en estudo, pendentes de notificación de resultado por parte do servizo de Microbioloxía e Parasitoloxía Clínica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Resultados en Cuntis e en Centros de Día
Por outra banda, o cribado preventivo con PCR efectuado o pasado luns na parroquia de Portela en Cuntis, enmarcado na estratexia de contención da COVID 19 na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, deu coma resultado 1 positivo por coronavirus nun total de 150 mostras recollidas sobre un censo de 204 cidadáns maiores de 15 anos veciños dos lugares de Portela, Loureiro de Arriba e Abaixo, así coma de residentes no lugar de Novás. Dita participación foi do 73 por cento da poboación convocada voluntariamente.
Complementariamente, cómpre sinalar que dende o pasado 15 de xaneiro cribáronse un total de 33 Centros de Día repartidos por diversos Concellos desta Área Sanitaria, actividade preventiva que rematará a vindeira semana e que, polo momento, non detectou ningún positivo, o que amosa o correcto cumprimento das medidas de prevención ante a COVID en ditos centros.