HomePontevedraBaixo MiñoOs muíños do Folón vibran con máis de 700 participantes nun trail...

Os muíños do Folón vibran con máis de 700 participantes nun trail inesquecible

- Anuncio -spot_img

A proba, segunda cita puntuable da Trail League, combinou deporte, natureza e compromiso solidario 

Os montes do Rosal convertéronse nun escenario vibrante onde o esforzo, a paisaxe e a solidariedade correron da man. Máis de 700 participantes encheron de vida os sendeiros dos Muíños do Folón nunha edición do Trail Adventure marcada polo bo tempo, a espectacularidade do seu percorrido e un ambiente único.

As distancias 21K e Adventure 12K ofreceron igualdade, emoción ata o último quilómetro e deixaron imaxes que fan grande este deporte. Nos 21K na categoría feminina Diana Domínguez Pereira impúxose con autoridade, mentres que na xeral masculina Ricardo Esteves cruzou a meta en primeira posición tras un intenso pulso con Tiago Pinheiro durante practicamente todo o percorrido.

Pola súa banda, na categoría masculina da Adventure 12K Diego Pons Ramos e Sergio Pérez Lomba decidiron entrar en meta xuntos e da man nun xesto de amizade e deportividade que arrincou os aplausos do público. Mentres, na categoría feminina, Ana Iglesias de la Santísima Trinidad fíxose coa vitoria.

Pero máis alá dos tempos e das clasificacións, esta edición destacou polo seu marcado carácter solidario. Case un cento de participantes sumáronse á iniciativa para recadar fondos destinados a que a Agrupación Musical do Rosal represente ao municipio no Mundial de Bandas de Kerkrade, nos Países Baixos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “esta proba demostra que o deporte é moito máis que competición: é comunidade, é solidariedade e é promoción do noso patrimonio natural”. A rexedora destacou tamén “o orgullo de ver como centos de persoas gozan da nosa contorna de forma respectuosa, convertendo o Folón nun escaparate do mellor que temos”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “o éxito desta edición é froito do traballo coordinado entre organización, voluntariado, Comunidade de Montes, Protección Civil e veciñanza. Sen eles sería imposible garantir unha proba segura, coidada e á altura do que merece este enclave único”.

O Concello quérese agradecer de novo a grande actitude das persoas participantes, así como a colaboración da organización, da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e do equipo de voluntarios e patrocinadores, cuxa implicación resulta clave para que cada edición do Trail Adventure Muíños do Folón sexa máis segura e emocionante.

Publicacións Relacionadas