HomePontevedraO SalnésOs nacionalistas Estrella Martínez e Adrián González toman o relevo de Fran...

Os nacionalistas Estrella Martínez e Adrián González toman o relevo de Fran Leiro e Tamara Castro na corporación local

- Anuncio -spot_img

O edil e voceiro e a concelleira nacionalista renuncian ás súas actas por motivos familiares e persoais, que lles impiden seguir levando a cabo “o labor desde a oposición que a veciñanza merece”

Estrella Martínez e Adrián González pasarán a forman parte da Corporación, mantendo o compromiso do Bloque coas veciñas e veciños de Sanxenxo a continuar coa liña de traballo que se está a trazar no que vai de mandato, e que o levou a consolidarse como a única alternativa de Goberno a un Telmo Martín que afoga a economía da cidadanía a base de políticas de formigón, sentenzas millonarias e novos e maiores impostos

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) experimenta cambios no seu organigrama. O actual responsable local, Adrián González, e a compañeira Estrella Martínez convertiranse en novos membros da Corporación local, ao tomaren o relevo do actual voceiro, Fran Leiro, e Tamara Castro, que renunciarán á súa acta como concelleiros no vindeiro Pleno ordinario, previsto para o 24 de novembro. En ambos casos, a decisión vén motivada por motivos persoais.

En nome de todo o grupo municipal do BNG, Adrián González quixo felicitar e agradecer “o traballo, o esforzo e a dedicación que mantiveron en favor dos veciños e veciñas de Sanxenxo ao longo destes máis de dous anos de mandato”. Unha etapa que o responsable do Bloque sanxenxino definiu como “moi positiva”, na que “o BNG está cada vez máis consolidado como alternativa a un Goberno do Partido Popular que durante este período só foi quen de promover a súa habitual política de formigón, provocando o pago de sentenzas urbanísticas millonarias que afectan directamente á economía da nosa veciñanza”.

Fran Leiro e Tamara Castro explicaron que vense na obriga de ceder o relevo como concelleiros por motivos persoais e familiares. “Antes que concelleiro son pai e tamén fillo e hai responsabilidades que deben atenderse como é debido”, sinalou Leiro, que explicou que “Sanxenxo é moito máis ca un concello de 18.000 habitantes. Así como precisa de servizos e prestacións maiores, dignas dun referente como é no país, tamén require dun traballo máis esixente e demandante desde a oposición. A miña renuncia é unha cuestión de responsabilidade, porque as veciñas e veciños de Sanxenxo merecen a alguén que poida atender e cumprir plenamente coas súas demandas”, afirmou. Pola súa banda, Tamara Castro vén de ser nai hai poucos meses, o que tamén condiciona o tempo que lle pode adicar ao seu labor como concelleira.

Ambos quixeron agradecer a confianza depositada pola veciñanza no BNG, así como “as demandas e inquedanzas que nos trasladaron en todo este tempo e que sempre quixemos que fosen respondidas polo Goberno municipal, algo que, por desgraza, na maioría das ocasións non ocorre, como consecuencia da falta de sintonía entre a cidadanía e a xestión de Telmo Martín”. En todo caso, Fran Leiro e Tamara Castro confirmaron a súa predisposición á hora de seguir colaborando co BNG, para axudar a “conseguir que este proxecto tan ilusionante continúe medrando, ata converterse nunha alternativa real de Goberno”.

Con respecto ao futuro, Estrella Martínez e Adrián González, como números 4 e 5 da candidatura, asumirán as actas dos seus compañeiros. O responsable local deixou claro que “máis alá de nomes, o importante é o traballo en equipo polo que apostamos no Bloque.

Nesa liña imos continuar, facendo unha oposición fiscalizadora, pero tamén construtiva, que sirva para que as demandas dos veciños e veciñas de Sanxenxo sexan escoitadas”. Neste punto, lembrou as iniciativas prantexadas polo Bloque pasado o ecuador do mandato, e que serviron para que o Goberno local acometese obras longamente demandadas, como a mellora da contorna do CEIP A Florida ou a rehabilitación de vías municipais, así como a dotación dunha Aula de Estudo. Todo isto sen esquecer que foi o BNG quen freou, coa axuda da oposición veciñal, o ‘decretazo’ de Telmo Martín cos vados, que pretendía cobrar de xeito retroactivo.

Publicacións Relacionadas