HomeBaixo MiñoA GuardaOs obradoiros “Mergullo para principiantes” leva a educación sexual á adolescencia guardesa

Os obradoiros “Mergullo para principiantes” leva a educación sexual á adolescencia guardesa

- Anuncio -spot_img

O Centro de Información da Muller da Guarda pecha as actividades do ciclo “Semente de igualdade” cos obradoiros Mergullo para principiantes.

Trátanse de obradoiros de Educación Sexual Integral para o alumnado de 1º da ESO de todos os centros escolares da Guarda (IES A Sangriña, Padres Somascos e Colexio San José), que se están levando a cabo no mes de maio.

Os obradoiros están dirixidos pola traballadora social e sexóloga, Sabela Salgueiro. Durante tres sesións Sabela trata co alumnado diferentes temas como o mito do amor, relacións interpersoais, o xénero, a violencia sexual e as ciberviolencias sexuais.

Deste xeito, búscase unha educación sexual das novas xeracións desde o punto de vista da igualdade e sen estereotipos. As sesións son participativas e interactivas co alumnado,  “teñen preguntas moi xenuínas deles e nótase que teñen interese nos temas que propoño”, destaca Sabela Salgueiro.

O alcalde da Guarda resalta a importancia deste tipo de charlas con profesionais, pois “son ferramentas para a vida, para aqueles rapaces e rapazas que comezan a formar a súa personalidade e a ser parte activa da sociedade”.

Neste mesmo senso, A  Guarda organizou a comezos de abril unha charla-obradoiro de Educación sexual na familia no que se creou un espazo de reflexión no que compartir inquedanzas, dúbidas e dificultades co obxectivo de construír ferramentas educativas que contribúan positivamente no desenvolvemento dos seus fillos e fillas.

Con esta actividade péchase o ciclo “Semente de igualdade” que arrancaba en xaneiro co  obradoiro “Con voz propia”, e seguía diversificando a súa acción co obradoiro  “Quérome, cóidome” e coa proxección especial de “Matria” co posterior coloquio da súa protagonista María Vázquez. Ademais, hai unhas semanas, facíase a presentación do libro “Mulleres. Historias de vida e igualdade” no Centro Cultural.

Publicacións Relacionadas