O presidente dos populares de Pontevedra, Rafa Domínguez, explicou o efecto que tería unha paralización cautelar do Orzamento municipal para este exercicio: “Centos de empresas e particulares veríanse afectados directamente”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, explicou este luns a posición da formación que lidera sobre a tramitación “irregular” do Orzamento do Concello para o vixente exercicio e un posible recurso ás contas. “Desde o partido ao que represento sempre sopesamos o efecto que as nosas accións poden ter. Tras varias consultas xurídicas, e despois de estudar o recurso a este documento, a nosa preocupación céntrase no gran prexuízo económico que xeraría unha posible paralización cautelar das contas municipais”, relatou o popular.
Domínguez precisou que sendo “tan clara” esta tramitación irregular, cun informe do secretario dando parte desta situación, a sentenza podería producirse leste mesmo ano: “Unha paralización cautelar dos orzamentos sería letal, non só para o Concello, senón para os centos de empresas e particulares da cidade que se verían afectados. Quedarían bloqueados os pagos por traballos realizados, ou numerosos expedientes, ata unha nova tramitación”.
Domínguez, nesta liña, enumerou algúns dos procesos aos que afectaría unha posible paralización: “Obras, subvencións, contratos de publicidade, axudas a entidades deportivas, ou o mesmo plan Supera21… Non poderían adxudicarse nin abonarse. A soa posibilidade dun dano tan grande no noso tecido empresarial nun ano tan complexo, cunha crise sen precedentes, fai que tomemos unha posición de responsabilidade”.
“Ante o prexuízo que poderiamos crear, a pesar da nula capacidade do Concello para tramitar o seu Orzamento, renunciamos á interposición dun recurso ás contas municipais”, aclarou o popular.
Domínguez quixo explicar en que a convocatoria das comisións previas á aprobación definitiva do Orzamento non se axustaron á lei, polo que “a ilegalidade éo de forma, non de fondo”. “Non había motivación na última das convocatorias e non se respectaron os prazos legais, o que fai ilegal o proceso. Estes orzamentos non cumpren coas normas esixibles por parte da lei e non garanten a participación cidadá. Incumpriron a obrigatoriedade de ter rexeitadas ou aceptadas as alegacións antes da convocatoria do pleno. Pero unha paralización sería catastrófica para a cidade”, rematou o popular.