O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e técnicos de Zona Franca deron conta nunha reunión informativa do estudo de viabilidade e dos pasos a dar para avanzar de cara ao desenvolvemento definitivo do parque
Pérez Gulín agradece a implicación de Zona Franca e resalta o compromiso do Goberno local para consolidar esta actuación, co obxectivo de continuar reducindo o índice de desemprego, que en agosto marcou de novo mínimos históricos
O Auditorio Municipal acolleu este martes unha reunión informativa, convocada polo alcalde, Jacobo Pérez, á que asistiron persoas propietarias de terreos do polígono Paradela-Carracedo, así como técnicos de Zona Franca, para dar conta do resultado do estudio de viabilidade realizado pola institución e analizar fórmulas para impulsar de xeito definitivo o desenvolvemento deste parque empresarial. Continuar dando pasos para incrementar o solo industrial en Caldas de Reis é unha das actuacións prioritarias para o Goberno local, tal e como lembrou o propio rexedor ao finalizar o encontro. “Estamos plenamente comprometidos co desenvolvemento empresarial non só no noso municipio, senón en toda a comarca do Umia”, destacou.
Fiel a ese compromiso, o alcalde decidiu convocar esta reunión, ademais de para achegar información sobre o estudo de viabilidade, para coñecer as impresións dos propietarios e analizar as opcións que existen para facer realidade o desenvolvemento do parque, cuxa extensión supera os 800.000 metros cadrados. Unha vez amosado o estudo de viabilidade e confirmado o visto bo das persoas propietarias de parcelas, “é indispensable seguir dando pasos para acometer esta actuación, tan importante para a dinamización económica do noso concello”, apuntou Pérez Gulín.
Tal e como explicaron os técnicos durante a reunión, para que a entidade estatal asuma o proxecto, será necesario cambiar o sistema actual de xestión do parque empresarial. Esta modificación será levada a Pleno unha vez que o Concello asine con Zona Franca o convenio para o desenvolvemento do parque. “A partires de aí, xa estaríamos en condicións e comezar a traballar no Plan Parcial para a ordenación do espazo e dar pasos cara a urbanización”, sinalou Jacobo Pérez, que agradeceu a implicación e o interese amosado por Zona Franca para que a área empresarial de ParadelaCarracedo sexa unha realidade.
Nova marca mínima histórica de desemprego
As xestións para o desenvolvemento do parque empresarial son unha prioridade para o Goberno local, de cara a fomentar a actividade económica, industria e laboral en toda a bisbarra. Neste sentido, Jacobo Pérez tamén fixo mención aos datos de desemprego correspondentes ao pasado mes de agosto, período no que se marcou unha nova mínima histórica, con 343 persoas en paro. Esta é a cifra máis baixa dos últimos 15 anos. Ademais, Caldas de Reis experimentou a maior baixada de desemprego con respecto a xullo en toda a comarca, con 16 desempregados menos. Só o concello caldense e Valga foron quen de reducir esta cifra, xa que no resto de municipios o paro incrementouse en agosto.
Estas cantidades supoñen case un 54% menos que as rexistradas en agosto de 2017, cando había 744 persoas en situación de desemprego en Caldas de Reis.
“Estamos a avanzar na liña correcta e imos continuar traballando da man do tecido empresarial, comercial e industrial para facer do noso concello un municipio dinámico e no que a oferta labora estea plenamente consolidada durante os doce meses do ano”, concluíu.