- A cabalgata será ás 17:30h e despois celebrarase a recepción real no Concello da Guarda
A Guarda recibe o próximo luns 5 de xaneiro a visita dos Reis Magos. Será unha tarde moi axetreada para as súas maxestades.
A partir das 16:30h unha pequena comitiva partirá desde a praza do Concello para facer un percorrido polas parroquias da Guarda e así todos poidan ver aos Reis Magos. A comitiva partirá da rúa Porto Rico cara o Castro, onde parará no seu parque. Dirixiranse á praza dos Seixiños e desviaranse polo Coruto Vello para parar na praciña da mesma rúa.
As Súas Maxestades desviaranse pola rúa Vigo para acceder a Camposancos, onde realizarán dúas paradas: no barrio de Saa e na praza de San Amaro. Tras este percorrido, volverán ao centro da vila, á Alameda, desde onde arrancará ás 17:30h a cabalgata.
A cabalgata contará coa participación dos grupos locais Do Lusco ó Fusco, Attitude, o grupo de gaitas da 3ª idade e Dansá. Melchor, Gaspar e Baltasar irán repartindo caramelos polas rúas Rosalía de Castro e rúa Galicia. Tras a cabalgata, as portas da Casa dos Alonso abriranse para a recepción real para que todos os nenos e nenas poidan falar cos Reis Magos antes dunha noite tan especial.



