- O Concello da Guarda e o Sporting Guardés colaboran co Celta para a organización deste Clinic en Semana Santa
Esta mañá, responsables do Clinic do Celta visitaron o campo da Sangriña para ultimar detalles para esta Semana Santa.
Coa colaboración do Concello da Guarda e do Sporting Guardés, esta actividade permite á rapazada seguir fortalecendo as habilidades futbolísticas, sen esquecer os valores do deporte. Esta nova edición permite aos nenos adestrar, por uns días, como os seus xogadores favoritos.
Esta mañá, Manuel Gómez, responsable da organización do Clinic, e Fernando Iturbe, responsable de proxecto deportivos do Celta360 (1º e 3º pola esquerda) agasallaron a Víctor Lomba e Marcos Trigo, presidente e coordinador do Sporting Guardés respectivamente, coa camiseta oficial da tempada do RC Celta.
Despois, Manuel Gómez explicoulle ao alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e aos concelleiros Celso Fariñas e Susana Álvarez, como se estiveron desenvolvendo os anteriores Clinics que xa se realizaron na Sangriña e como traballan cos xogadores.
O Clinic realizarase do luns 30 de marzo ao mércores 1 de abril en horario de 9:30 a 14:00h. Ao remate os participantes recibirán como agasallo a bolsa celtista: gymsac, camiseta conmemorativa, pulseira e postal do xogador do RC Celta; ademais, farase unha entrega de diplomas e un sorteo de agasallos.
A inscrición xa está aberta para os xogadores desde a categoría prebenxamín ata os infantís e na páxina web do Celta: https://rccelta.es/fundacion/formacion/clinics/. O prezo é de 89€, pero os xogadores do Sporting Guardés e aqueles que conten co Carné Celtista contarán cun desconto do 10%, tendo un prezo de 80€.



