- Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas
O Concello do Porriño acometerá obras de reforma e acondicionamento nos viveiros de empresas situados no Multicentro de Torneiros, unha actuación orientada a mellorar as instalacións xa existentes e a fortalecer o apoio municipal ás persoas emprendedoras nos seus primeiros pasos empresariais.
Os traballos permitirán actualizar os espazos, adaptalos ás necesidades actuais do tecido produtivo e ofrecer contornas profesionais máis modernas, funcionais e competitivas. Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas que inicien a súa actividade no municipio, aos que se lles facilitará o acceso de maneira gratuíta co obxectivo de reducir custos iniciais e favorecer a súa consolidación. As persoas interesadas poderán solicitar información nas oficinas de Porremprego ou presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Municipal do Concello.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a reforma dos viveiros de empresas é unha mostra clara da nosa aposta por apoiar a quen decide emprender no Porriño, ofrecendo instalacións axeitadas e recursos que lles permitan comezar con maiores garantías”. O rexedor destacou que “non se trata só de poñer un local á disposición, senón de crear un entorno favorable que acompañe ás empresas no seu proceso de crecemento e consolidación”.
No marco desta estratexia de impulso económico, o Concello prevé ademais a sinatura dun convenio de colaboración coa Federación de Empresas, Autónomos, Comercio e Hostalaría do Porriño, ao que se lle cederá un espazo no propio edificio do Multicentro de Torneiros. A finalidade deste acordo será que a entidade poida ofrecer apoio directo, asesoramento e acompañamento aos proxectos que se instalen no Viveiro, reforzando así a atención ao tecido empresarial local.
Segundo explicou Lorenzo, “esta colaboración permitirá que as novas iniciativas conten cun respaldo profesional próximo e permanente, sumando esforzos entre a administración local e o sector empresarial para fortalecer o noso ecosistema económico”. O alcalde incidiu en que “a dinamización do emprendemento é unha prioridade para este goberno, porque significa máis oportunidades, máis actividade económica e máis emprego para o noso municipio”.
Con esta actuación, o Concello do Porriño consolida o Multicentro de Torneiros como un espazo de referencia para o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reafirmando o seu compromiso co crecemento económico sostible e coa creación de oportunidades no ámbito local.



