O alcalde Manu Lourenzo presentou o programa desta segunda edición, “a da consolidación da Semana Grande como un evento que chega quedarse e que a nosa veciñanza poida desfrutar dunhas festas patronais como na inmensa maioría dos concellos de Galiza”.
As orquestras Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada serán os pratos fortes desta segunda edición da Semana Grande de Soutomaior, que terá lugar entre os días 1 e 7 de agosto. O torreiro da Festa da Dez (Candán), a carón do campo municipal de fútbol Graciano Padín, encherase coa música de catros das mellores orquestras do actual panorama galego e estatal.
Ademais, o programa da Semana Grande, que foi presentado esta mañá polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, inclúe unha ampla variedade de actividades para todos os públicos durante os días que dure a festa, desde concertos de pequeno formato e sesións vermú ata un espectáculo de cociña en directo e un xantar popular que irá con inscrición.
O rexedor, que estivo acompañado polos concelleiros Diego Moreira e Rosana Comesaña, varios cociñeiros do concello e o párroco de Soutomaior, Gabriel Gómez, sinalou que esta segunda edición da Semana Grande “é a da consolidación como un evento que chega para quedarse”. Compre lembrar que ata o remate do anterior mandato Soutomaior non contaba cunhas festas patronais, unha disonancia con respecto á gran maioría de concellos do País.
Neste sentido, Lourenzo sinalou que “a Semana Grande de Soutomaior foi unha aposta do Goberno local pata que a nosa veciñanza poida desfrutar dunhas festas patronais e ter un punto de unión e celebración precisamente diso, de ser veciños e veciñas de Soutomaior”.
“Trátase dun evento no que se aúna a boa música, a boa gastronomía e, sobre todo, o bo ambiente que hoxe vivimos en Soutomaior”, sinalou o alcalde, que remarcou que “existe todo un contexto común a nivel cultural e social que fai da Semana Grande de Soutomaior un evento que chegou para quedar e non marchar máis”, engadiu o alcalde.
Así, o alcalde Manu Lourenzo concluíu animando a toda a veciñanza de Soutomaior e dos concellos veciños a “vir a desfrutar de Soutomaior, da súa Semana Grande, da súa contorna natural e da súa xente. Porque cando cremos en todas as nosas posibilidades e as poñemos sobre a mesa, en Soutomaior temos un potencial sen límites”.
PROGRAMA COMPLETO
Venres, 1 de agosto
21:00h | Chupinazo coa MEKÁNIKA ROLLING BAND
Casa do Concello
21:15h | Pasarrúas ata a Igrexa do Divino Salvador
23:00h |Concerto ‘Demasiadas sombras y pocas luces’
Contorna da Igrexa do Divino Salvador
Sábado, 2 de agosto
22:00h – 23:00h | DISCOMÓBIL ELATION
23:00h – 02:00h | ORQUESTRA AMÉRICA DE VIGO
02:00h – 04:00h | DISCOMÓBIL ELATION
Torreiro da Festa da Dez, Candán
Domingo, 3 de agosto
11:00h -18:00h | MERCADO
Asociación de empresarias/os de Arcade e de Soutomaior
12:00h | SESIÓN VERMÚ ‘AIRES DA CASTRELADA’
12:30h | COCIÑA EN DIRECTO E DEGUSTACIÓN
13:00h | SESIÓN VERMÚ ‘AIRES DA CASTRELADA’
14:15h | XANTAR popular da veciñanza
17:00h | Actuación ‘TRIO AZABACHE’
Contorna da Igrexa do Divino Salvador de Soutomaior
22:00h – 23:00h | DISCOMÓBIL ‘CDC’
23:00h – 02:00h | ORQUESTRA ‘PANORAMA’
02:00h – 04:00h | DISCOMÓBIL ‘CDC’
Torreiro da Festa da Dez, Candán
Martes, 5 de agosto
20:30h | BANDA DE MÚSICA ‘ARTÍSTICA DE ARCADE’
Contorna da Igrexa de San Salvador
22:00h – 23:55h | DISCOMÓBIL ‘DISQUETOKA’
23:55h aprox. | TIRADA DE FOGOS DE ARTIFICIO
00:00h – 03:00h | ORQUESTRA ‘COMBO DOMINICANO’
03:00h – 04:00h | DISCOMÓBIL ‘DISQUETOKA’
Torreiro da Festa da Dez, Candán
Mércores, 6 de agosto
22:30h – 01:30h | ORQUESTRA ‘GRAN PARADA’
Torreiro da Festa da Dez, Candán
Xoves, 7 de agosto
Romaría de San Caetán
13:30 h | Sesión vermú ‘Catro ventos’
Ermida de San Caetán, Castelo de Soutomaior
SERVIZOS COMPLEMENTARIOS
Haberá servizo de autobús lanzadeira que irá desde o Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ ata o Torreiro da Festa da Dez (Candán) en horario de 21:30h a 23:30h horas e de 00.00 a 03.00 h. O percorrido do bus será continuo de ida e volta nos horarios indicados.