Home Pontevedra Baixo Miño Pantallas baixo lupa na IX Semana da Educación de Tomiño

Pantallas baixo lupa na IX Semana da Educación de Tomiño

0
2

María Couso, unha das maiores divulgadoras sobre a importancia dos xogos de mesa para o desenvolvemento na infancia, abrirá o debate educativo máis urxente do noso tempo

A cita será o luns 9 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde

En moitas ocasións as pantallas acompañan á infancia desde o berce, pero sabemos realmente que pegada deixan no cerebro? Con esta pregunta incómoda e necesaria como punto de partida, Tomiño dá o pistoletazo de saída á XI Semana da Educación, unha cita xa consolidada que volverá situar ao municipio como referente no debate educativo cun ciclo de conferencias de balde centradas nesta edición no benestar emocional e a saúde mental da infancia e da adolescencia.

A primeira charla o luns 9 de febreiro (19 h, auditorio de Goián) virá da man de María Couso, pedagoga e divulgadora recoñecida a nivel estatal, que abrirá o programa coa conferencia “Impacto da tecnoloxía no desenvolvemento cognitivo da infancia e da adolescencia”. Un relatorio pensado para familias, profesorado e persoas educadoras que queren entender, con datos científicos e criterio pedagóxico, como inflúe o uso temperán e continuado das pantallas no desenvolvemento cerebral.

Nun contexto no que a tecnoloxía se asocia automaticamente ao progreso e no que moitas veces se introduce aos nenos e nenas no mundo dixital baixo a idea de que, por seren “nativos dixitais”, xa contan coas ferramentas necesarias para xestionalo, María Couso propón desmontar esta crenza desde unha mirada crítica e reflexiva, sen demonizar a tecnoloxía, pero lembrando que, como calquera ferramenta, o tempo, o contexto e o uso son claves.

Pedagoga, mestra e cun máster en Psicopedagoxía Clínica e Neuroeducación, María Couso está considerada unha das maiores divulgadoras do país sobre a importancia do xogo, especialmente dos xogos de mesa, no desenvolvemento infantil. Deuse a coñecer en 2017 a través da súa conta de Instagram PlayFunLearning e desde 2019 ofrece formacións a profesorado e familias. A través dos seus proxectos Cerebro e xogo e Cerebro e pantallas reflexiona sobre o uso abusivo da tecnoloxía e promove alternativas educativas baseadas no xogo e na interacción. En 2023 publicou Cerebro, infancia e xogo, con máis de 15.000 exemplares vendidos, e conta cunha ampla traxectoria de traballo con nenos e nenas con dificultades de aprendizaxe e trastornos do neurodesenvolvemento.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “a Semana da Educación é un espazo para pensar xuntas e xuntos sobre os retos reais que viven hoxe as familias e os centros educativos. Poñer o foco no impacto das pantallas é unha responsabilidade colectiva, porque falamos do presente e do futuro da nosa infancia”. A rexedora subliñou tamén que “queremos ofrecer información rigorosa, accesible e útil, que axude a tomar decisións conscientes e non baseadas en mitos ou presións sociais”.

A XI Semana da Educación contará con catro conferencias gratuítas, todas elas con profesionais de recoñecido prestixio, que abordarán desde diferentes perspectivas un eixo común: como coidar a saúde emocional e mental das novas xeracións nun mundo cada vez máis complexo.

Unha vez máis, Tomiño aposta pola educación como ferramenta de transformación social, abrindo espazos de reflexión necesarios para acompañar mellor á infancia e á adolescencia no camiño de medrar con equilibrio, criterio e benestar.