Para o BNG a protección e posta en valor dos restos achados nos terreos sometidos a control arqueolóxico da rúa Valle-Inclán é fundamental

adminON
Lectura mínima de 2

Desde o BNG instamos a Concello e Dirección Xeral de Patrimonio a darlle a máxima protección legal aos restos atopados nos terreos da área comercial que Mercadona está a construír na rúa Valle-Inclán, adxacente ao Parque Enrique Valdés Bermejo, e que teñen un vínculo directo co Castro De Alobre.

Entendemos que tanto a cetárea romana – que sitúa a Vilagarcía na rede costeira de vilas galegas con xacementos de produtos pesqueiros e salgadura – que se atopa nun bo grao de conservación, segundo indicou a empresa Citania, como os achádegos máis recentes nesa mesma área de control onde se localizaría o acceso ou porta marítima do castro, deben ser protexidos, consolidados e postos en valor, en lugar de ser soterrados á espera de intervencións futuras.

Nese sentido, cómpre que o futuro PXOM dedique, previa catalogación pola Dirección Xeral de Patrimonio dos bens inmobles atopados, unha especial atención á área de estudo, ampliando a chamada contorna de protección e o que se coñece como zona de amortiguación. que deberá contemplar do mesmo xeito as condicións de visibilidade e perspectiva dos restos atopados, xa de por sí en risco pola presenza tan próxima da futura edificación comercial, e dos movementos de terras que están a alterar a topografía natural, impedindo que se produzan novas alteracións no futuro.

En calquera caso, o BNG considera que mentres isto non teña lugar deberán rexer as normas de protección subsidiarias que marcan dita protección entre 50 e 200 metros a partir do exterior do ben inmoble.

Comparte este artigo