O filósofo David Pastor Vico encheu un ateigado auditorio de Goián de risas, silencios e reflexións para aprender a comunicarnos coas novas xeracións
A XI Semana da Educación bota o pano esta tarde coa charla 19.00 horas da xinecóloga Miriam Al Adib
O silencio tamén fala cando máis de 300 persoas escoitan ao mesmo tempo. O auditorio de Goián volveu ateigarse na terceira xornada da XI Semana da Educación de Tomiño nun encontro co filósofo David Pastor Vico no que mesturou risas, reflexión e preguntas incómodas arredor dun reto compartido: como comunicarnos coas novas xeracións.
O docente e escritor deixou unha idea tan sinxela como poderosa: para conectar coa mocidade hai que deter o ruído e aprender a escoitar. “Cando falamos de mozos e mozas esquecémonos de nós mesmos”, sinalou. “A clave está na memoria: lembrar que nos preocupaba cando eramos novos, porque se escoitamos de verdade descubriremos que os seus medos e inseguridades son exactamente os mesmos que tiñamos nós”, recalcou.
Durante a súa intervención, Pastor Vico puxo o foco na relación entre tecnoloxía, educación e desenvolvemento social. Advertiu de que a innovación non sempre aparece no momento axeitado e que, cando irrompe de maneira disruptiva, pode xerar medo ou infrautilización. “A tecnoloxía ten que chegar cando a necesitamos e sabemos para que a queremos. Se non, quedan inventos marabillosos sen uso”, apuntou.
Un dos momentos máis impactantes foi a referencia aos estudos que alertan dunha diminución progresiva en capacidades como a comprensión lectora, a atención sostida ou a abstracción matemática nas últimas xeracións. Sen atribuír toda a responsabilidade á tecnoloxía, o filósofo subliñou a perda doutros espazos esenciais para o desenvolvemento: “Se os nenos non xogan na rúa, non desenvolven habilidades psicomotrices nin sociais. O xogo é o laboratorio das relacións humanas, é onde aprendemos a ser e a convivir”.
Neste sentido, advertiu de que a hiperconexión dixital non pode substituír o contacto real. “Se queremos comunicación cos nosos fillos e fillas, non podemos darlles unha tableta e deixalos pechados nun cuarto. Os seres humanos vivimos máis e mellor canto máis socializados estamos”, afirmou.
A xornada pechouse cunha chamada á implicación activa das familias e da comunidade educativa. “As cousas non somos capaces de entendelas se non somos capaces de contalas”, lembrou o filósofo, convidando a recuperar a palabra, o relato compartido e o diálogo interxeracional.
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou o valor dun auditorio cheo para abordar cuestións que afectan directamente ás familias. “Levar once anos creando espazos de encontro coa Semana da Educación demostra que en Tomiño hai unha comunidade que quere pensar xunta. Hoxe falamos de comunicación, pero en realidade falamos de vínculo, de presenza e de responsabilidade compartida”, afirmou.
A XI Semana da Educación baixa esta tarde o pano coa conferencia da xinecóloga Miriam Al Adib, na que unirá educación sexual con saúde mental a partir das 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde. Pechará así unha nova edición deste foro de referencia no Baixo Miño, onde educación, tecnoloxía e benestar emocional se abordan desde unha perspectiva crítica e humanista.



