O Concello impulsa a compostaxe, a recollida de aceite usado e a reciclaxe de roupa e calzado grazas ás axudas da Xunta e fondos europeos NextGenerationEU
O Concello de Pazos de Borbén pon en marcha un proxecto integral de xestión de residuos grazas ás axudas da Xunta de Galicia, financiadas con fondos europeos NextGenerationEU. A iniciativa supón un paso adiante no compromiso municipal coa sostibilidade, a economía circular e a loita contra o cambio climático.
O programa abrangue tres ámbitos principais:
- Compostaxe doméstica, para dar unha nova vida aos residuos orgánicos.
- Recollida separada de aceite de cociña usado, co fin do seu aproveitamento posterior.
- Recollida e reciclaxe de roupa e calzado usados, fomentando a reutilización e a redución de residuos.
Ademais, desenvolveranse campañas de sensibilización en centros educativos, asociacións e colectivos sociais, xunto con visitas porta a porta a vivendas, bares, restaurantes e comercios. O Concello tamén distribuirá materiais informativos e ferramentas de seguimento para avaliar os resultados.
Segundo destacou o alcalde, Luciano Otero, “este proxecto reforza o noso compromiso co medio ambiente e coa veciñanza, promovendo hábitos responsables e contribuíndo á construción dun concello máis sostible e concienciado”.
O obxectivo é incrementar a recollida e o aproveitamento dos residuos, reducir o impacto ambiental e xerar beneficios sociais, económicos e ambientais para toda a poboación.
O programa estará activo ata o 30 de novembro de 2025 e contribúe ao cumprimento da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados, marcando un novo avance cara a unha xestión máis eficiente e respectuosa co contorno.