• O evento gastronómico, que terá lugar o 9 de marzo, adhírese ao proxecto de certificación de eventos sostibles promovido por Galicia Suroeste Eurural
Pazos de Borbén ao 1 de marzo de 2025.- O Concello de Pazos de Borbén prepárase para celebrar o próximo 9 de marzo a XXIV Festa da Cacheira, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas do municipio. Este ano, ademais de manter viva a tradición, a festa dá un paso máis cara á sostibilidade, adheríndose ao proxecto de certificación de eventos sostibles promovido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural.
O obxectivo desta certificación é minimizar o impacto ambiental da festa mediante a mellora na xestión de residuos, a promoción da economía circular e a aposta polos produtos de proximidade. Entre as principais medidas que se implementarán destacan a eliminación de plásticos dun só uso, o uso de materiais biodegradables, a instalación dun punto de auga gratuíto e accesible, así como a xestión responsable dos restos orgánicos para a súa compostaxe.
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, destacou a importancia deste compromiso, subliñando que a sostibilidade é un eixo fundamental para o futuro dos eventos municipais. “A Festa da Cacheira é unha das nosas grandes tradicións e, con esta certificación, garantimos que poida seguir celebrándose dun xeito respectuoso co medio ambiente. Queremos que a veciñanza e as persoas asistentes desfruten da nosa gastronomía sen deixar pegada no entorno”, sinalou.
Ademais do carácter sostible da festa, a programación deste ano contará coa lectura do pregón a cargo da artista Pili Pampín, a actuación musical de La Buena Vida Vigo, a animación da comparsa Vaiben e actividades para o público infantil. En canto á oferta gastronómica, as persoas asistentes poderán degustar a tradicional ración de cacheira por 15 euros, incluíndo unha taza conmemorativa, ou probar a empanada de cacheira por 4 euros a ración. Tamén estará dispoñible a opción de levar as racións para consumir na casa. Con esta iniciativa, o Concello de Pazos de Borbén reafirma o seu compromiso coa conservación do medio ambiente, apostando por un modelo de eventos máis sostible que combine tradición e responsabilidade ecolóxica.