- O Concello aconsella precaución aos veciños ao circular neste tramo
- A caída dun poste telefónico na estrada provincial Amoedo-Vos Valos está a ocasionar graves problemas aos veciños de Pazos de Borbén. Unha situación que o Concello xa puxo en coñecemento da empresa propietaria e da Deputación de Pontevedra, responsable da vía, a pasada semana e que “segue sen solucionarse e cada día que pasa o perigo aumenta”, explicou o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias.
- O principal perigo, segundo indican desde o Concello, é a proximidade do poste cunha parada do transporte escolar que é utilizada a diario polos alumnos da parroquia de Nespereira. “Ademais do problema de tráfico que pode supoñer a caída do poste, súmase a responsabilidade de que sexa unha zona frecuentada por menores”, explicou Iglesias.
- Do mesmo xeito, o alcalde indicou que o poste obriga ao tráfico pesado a circular polo medio da estrada para non impactar contra el, “o que obriga aos condutores do sentido contrario a deterse bruscamente ao ver a un camión invadir o seu carril”, apuntou o rexedor.
- Por último, Iglesias indicou que o Concello non ten potestade para intervir ao non ser propietario do poste nin do vial. “É necesario solucionar esta situación canto antes. Se a compañía non o fai a Deputación debería tomar medidas canto antes”, concluíu o rexedor.



