A inspección, guiada polo alcalde de Vilaboa, responde ao compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade na reunión de xaneiro con César Poza
O Concello de Vilaboa reclama unha intervención urxente e integral no centro de saúde do Toural tras a inspección realizada hoxe por persoal técnico da área sanitaria de Pontevedra, acompañado polo alcalde, César Poza. A visita permitiu constatar, unha vez máis, o avanzado estado de deterioro dunha infraestrutura esencial para a veciñanza e que leva 27 anos sen unha actuación de subsanación dunhas deficiencias evidenciadas hai xa anos.
Durante o percorrido polo interior e exterior do edificio, o persoal sanitario detallou aos técnicos as numerosas deficiencias que afectan ao funcionamento diario das consultas. As humidades e filtracións de auga son unha constante en diferentes espazos, con paredes desconchadas, manchas de moho e pasillos nos que as madeiras presentan un inchamento evidente. Esta situación non só deteriora a imaxe do servizo, senón que compromete o confort e a seguridade das persoas usuarias e do propio persoal sanitario.
Accesibilidade deficiente no acceso ao centro
O alcalde trasladou aos técnicos unha das principais demandas do Concello: a mellora urxente dos dous accesos ao centro. No acceso principal, César Poza reclamou a instalación dunha marquesiña pechada que garanta unha entrada segura e accesible, especialmente para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. A porta actual non ofrece protección suficiente nos días de chuvia, dificultando a entrada e saída das persoas usuarias.
A entrada traseira presenta un estado igualmente preocupante: o teito acristalado, deteriorado polas filtracións, provoca un acceso en condicións deplorables que require unha reparación inmediata.
Os técnicos do Sergas tomaron nota de todas as deficiencias detectadas e comprometéronse a elaborar o correspondente orzamento para acometer as obras necesarias. O Concello agarda que este compromiso se traduza nunha actuación áxil e efectiva, á altura da gravidade da situación.
A visita de hoxe responde ao compromiso adquirido polo conselleiro de Sanidade nunha reunión mantida co alcalde o 19 de xaneiro en Santiago. Nese encontro, César Poza trasladoulle a urxencia de intervir nunha infraestrutura que, case tres décadas despois da súa inauguración, continúa arrastrando problemas estruturais sen que se lle dera solución.
O Concello de Vilaboa insiste en que a veciñanza merece un centro de saúde digno, seguro e en condicións óptimas para prestar un servizo esencial. O goberno municipal esixe ao Sergas que actúe con responsabilidade e dilixencia para garantir unha atención sanitaria de calidade, acorde co que merece a cidadanía.



