A final de cociña dará o pistoletazo de saída da segunda edición do concurso Talento Xove. O Concello de Ponteareas convida a toda a cidadanía a asistir á presentación das receitas da final de cociña de Talento Xove. Este venres día 25 de 17:00 a 20:00 horas a nave de Aceros del Tea acolle a presentación das vinte propostas culinarias que competirán nas categorías infantil e xuvenil.
A alcaldesa, Nava Castro, anima a todas as veciñas e veciños a arroupar a estes talentos que demostrarán ante o público as súas dotes. En pouco máis de cinco minutos terán que presentar a súa receita e conquistar ao xurado que desvelará aos gañadores na entrega de premios programada para o vindeiro sábado 31 de maio. O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, adianta que a directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, asistirá a esta final.
Na categoría infantil o xurado estará formado polos gañadores/as da primeira edición, María Jessica, Óscar Álvarez e María Rodríguez que observarán de preto ingredientes, empratados e dificultade da receita, emulando así ao xurado profesional que avaliará e ditaminará os premios da categoría xuvenil. Un xurado composto por Ángel Martínez e Víctor Otero de A Xanela Gastronòmica, Héctor Rodríguez de Catering Galicia e Santiago Alonso de La Preciosa.
Obradoiros de cociña
Ao longo da tarde na nave Aceros del Tea tamén se celebrarán os obradoiros de cociña, dando comezo ás 17:00 horas, ás 18:00 horas e ás 19:0 horas impartidos pola EFA A Cancela, por A Xanela e por Óscar Álvarez coa colaboración do obradoiro de emprego “Compromiso Xuvenil”.
Cristian Montes adianta xa as datas das seguintes finais en directo, “a final de danza será o sábado 10 de maio a partir das 17:00 horas, a de DJ´s será o venres 16 de maio, a de música o 23 e o 5 de maio inauguración da exposición de Talento Xove en Artistea ás 17:00 horas”.
O edil de Xuventude agradece a colaboración das empresas e hostalaría local e comarcal Elena Pérez, Soundhouse, Catering Galicia, A Xanela Gastronómica, La Preciosa e La Ojiva Gastronómica “porque elas e eles aportan o punto de vista profesional e engrandecen cos seus coñecementos o evento”.
Novo éxito de inscrición
O Concello de Ponteareas pechou a inscrición do Talento Xove 2025 con máis de 550 mozas e mozos rexistrados, 200 persoas máis que na primeira edición. Estes datos avalan unha vez máis o éxito deste concurso e a necesidade da xuventude de contar cunha plataforma que visibilice o seu talento.
Nesta edición, ademais das disciplinas de poesía, novela, artes plásticas, cómic, cociña, fotografía, música, arte urbano, danza moderna e moda, o Concello sumou as disciplinas de monólogo, deseño de xoias e dj´s.

