O festival Cinema a Pedal arranca este xoves 10 de xullo ás 21:00 h cunha sesión moi especial nos antigos Multicines A Ramallosa, recentemente adquiridos polo Concello de Nigrán. O que durante anos foi un espazo pechado, comeza agora un ilusionante proceso de rehabilitación para se converter nun auditorio ao servizo da veciñanza. Por iso, esta primeira proxección resulta especialmente simbólica: unha sala e un festival volven atoparse para celebrar, xuntas, a forza do cinema e a súa marabillosa capacidade para facernos soñar.
Para dar inicio ao festival, proxectarase a curtametraxe École de facteurs (Escuela de Carteros) de Jacques Tati, unha deliciosa comedia de 1947 que anticipa o universo cómico e visual do cineasta francés. Na curtametraxe, seguimos as peripecias dun carteiro rural empeñado en modernizar o seu servizo postal á francesa… con resultados disparatados. Unha oda ao absurdo, á tenrura e ao ritmo das pequenas cousas.