• O Goberno local lembra que Poio asumirá uns 3,8 millóns de euros dos 24 que suma a contía total, a pagar en 25 anos (uns 150.000 euros anuais que non computarán como débeda) a partir de 2027
• A addenda realízase para facer fronte ás esixencias que marcan diferentes institucións para acometer o proxecto, así como o axuste de prezos provocado pola inflación
A Corporación municipal aprobou este martes por unanimidade a addenda a realizar no convenio asinado entre Acuaes e os Concellos de Poio e Sanxenxo para a mellora e ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paxariñas. Unha actuación que, a través desta modificación, pasará a contar cun orzamento que roldará os 24 millóns de euros e que servirá para poñer fin a “unha demanda histórica”, tal e como lembraron os dirixentes municipais durante o debate plenario, toda vez que solucionará a cuestión do tratamento de augas residuais nas parroquias de Raxó e Samieira, acabando así cun “problema endémico” que se viña prolongando durante décadas, ante a falta de solucións por parte da Xunta de Galicia, que é a administración responsable deste servizo.
Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, durante a súa exposición, a addenda realízase para actualizar o importe do proxecto, taxado inicialmente en 17 millóns de euros, de xeito que se poida dar resposta ás modificacións e esixencias que establecen administracións como Costas, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e Augas de Galicia. Ademais, tamén se cobren os axustes de prezos derivados da inflación actual. Agís sinalou que o 50% da contía total será custeada a través de fondos europeos, mentres que, do montante restante, Sanxenxo asumirá o 65% e Poio o 35%. Ademais, o titular de Urbanismo deixou aberta a posibilidade de novas addendas, toda vez que “non renunciamos a conseguir aumentar a porcentaxe de fondos europeos e tamén a que a Xunta de Galicia faga unha achega”. Neste sentido, tanto Gregorio Agís como o responsable de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, lembraron que a Administración autonómica si realizou investimentos noutros proxectos idénticos, como no caso de Santiago e Vigo, onde financiaron o 20 e 30%, respectivamente, das novas depuradoras. Un feito que tamén foi resaltado pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), que apuntou que “o trámite de hoxe é un paso máis para que sexa realidade unha actuación que á Xunta de Galicia foi incapaz de dar solución e na que, de momento, achega cero euros”.
Tamén destacou “a boa nova” deste acordo o alcalde, Luciano Sobral, que ten claro que “é un paso moi importante” e agradeceu “o traballo e esforzo a todas as partes implicadas, incluíndo o Goberno do Estado e o Concello de Sanxenxo, xa que deste xeito daremos vida a unha obra moi necesaria e que será unha realidade o antes posible”.
En canto aos custes que deberá asumir o Concello de Poio, tanto Gregorio Agís como Xulio Barreiro coincidiron á hora de salientar que este convenio permite que as achegas que deberá realizar a Administración local serán “perfectamente asumibles”. Poio pagará uns 3,8 millóns de euros a 25 anos, o que equivale a aproximadamente 150.000 euros anuais “que non computan como débeda”, tal e como puntualizou o titular de Urbanismo, que tamén destacou a importancia de que o pagamento por parte do Consistorio non comezará ata 2027. “O convenio establece que os pagos iniciaranse dous anos despois da posta en marcha da EDAR, algo que está fixado para 2025”, aseverou.
Os dirixentes municipais, ao tempo que salientan a importancia deste proxecto, tamén lamentaron o proceder do Goberno autonómico e do Partido Popular de Poio nos últimos anos. “A día de hoxe este proxecto está en licitación, non é fume, tal e como pretende facer crer o PP do señor Moldes. No 2025 a EDAR de Paxariñas estará operativa e dando servizo a Raxó e Samieira, algo que a Xunta de Galicia non tivo interese, ou non soubo acometer”, advertiu Gregorio Agís, que tamén apuntou que “cando unha administración quere atopar solucións o consegue. O Estado e o Concello de Sanxenxo viron que esta era unha boa solución para todos, na que todas as partes saen beneficiadas, e con eles traballamos para que así foxe. En cambio, o PP de Poio fixo todo o posible para que este servizo non fose unha realidade”, criticou.
Xulio Barreiro apuntou, asemade, que a licitación da obra faise realidade dous anos despois da firma do convenio con Acuaes e Sanxenxo, logo de que en 2018 o proxecto fose declarado de interese xeral. Este feito foi o que permitiu ao Goberno central involucrarse no proceso, con este resultado tan “positivo e beneficioso” para Poio.



